A CIG-Ensino difunde materiais didácticos para traballar nas aulas de cara ao 8M
Trátase de unidades didácticas dirixidas ás etapas de infantil, primaria, secundaria e formación profesional.
Ante a escaseza de recursos por parte da Consellaría de Educación para abordar a situación das mulleres no traballo e non perder a perspectiva do que se conmemora o 8 de marzo a CIG-Ensino elaborou e editou un ano máis materiais específicos para traballar arredor desta efeméride.
Coñecer os principais fitos da loita polos dereitos das mulleres traballadoras ao longo da historia e diversas referentes femininas en distintos sectores económicos e actividades profesionais, aprender a identificar estereotipos de xénero, rachar cos roles sexistas tradicionais tanto na división do traballo como noutras esferas da vida persoal, analizar publicidade machista, traballar a través de xogos, disfraces ou roles o mundo dos coidados, das profesións, dos afectos… Son algúns dos contidos que se propoñen nestas tres unidades didácticas elaboradas pola CIG-Ensino e que se distribuíron hoxe entre o profesorado de todas as etapas educativas do ensino público non universitario. Trátase, en definitiva, de achegármonos cunha visión transversal e con recursos pedagóxicos adaptados a cada nivel a unha data reivindicativa tamén dentro das aulas.