A CIG-Ensino detecta que a Consellaría de educación non está a resolver os diferentes problemas que se evidencian coa posta en marcha do curso escolar

Inicio de curso

A posta en marcha do curso escolar está evidenciando diferentes problemas que a Consellaría non está a resolver.
A CIG-Ensino detecta que a Consellaría de educación non está a resolver os diferentes problemas que se evidencian coa posta en marcha do curso escolar.
 
A posta en marcha do curso escolar está evidenciando diferentes problemas que a Consellaría non está a resolver.
 
En primeiro lugar destaca a negativa da Consellaría a cubrir necesidades de profesorado nos centros de Infantil e Primaria. Dáse o caso de que hai centros que tendo o mesmo número de alumnos/as que o curso pasado, porén teñen menos profesores, por exemplo, a EEI A Igrexa e de Guimaráns en Ames. Hai centros como, por exemplo, o CEIP de López Ferreiro e Raíña Fabiola de Santiago, o CEIP de Barouta (Ames)  ou Rodeira de Cangas do Morrazo, o CRA de Tui, Fernández la Torre de A Coruña, CEIP Vales Villamarín de Betanzos, etc, que están sen enviarlles o profesorado que solicitan.
 
As prazas de comedores ofertados nalgúns centros son insuficientes, exemplo, o CEIP de Melide nº 1, o que supón que haxa alumnado que non poida facer uso deste servizo. Tamén continúan sen funcionar diferentes comedores escolares.
 
 Nalgúns centros, as axudas enviadas para libros de texto son totalmente insuficientes, por exemplo, no IES Concepción Arenal de Ferrol.  
 
Continúa habendo centros que se ven incapaces, por falta de profesorado, de aplicar o acordo asinado pola CIG-ENSINO e outras organizacións sindicais coa Consellaría sobre melloras nos cadros de persoal e a redución de horario dos docentes, por exemplo, EEI de A Gándara (A Guarda), CEIP Mestre M. García, CEIP de Refoxos, CEIP de Barrantes, CEIP Infante Felipe, etc.
 
É preocupante que a Consellaría veña de confirmar, de novo, o nomeamento en comisión de servizo da directora do CEE do Pedroso de Santiago, cando o curso pasado foi rexeitado polo profesorado do centro. Así mesmo, exiximos a destitución do director do IES do Coroso de Ribeira que está solicitada a súa revogación desde decembro de 2006 sen que ata o de agora a Consellaría a efectivizara.
 
Por outra parte, a posta en marcha do curso de secundaria evidencia, unha vez máis, como un número de vacantes dos centros non son adxudicados na resolución definitiva. Esta situación repítese ano tras ano sen que a Consellaría tome as medidas oportunas para resolvela, traendo como consecuencia o retraso na incorporación do profesorado aos centros e prexudicando o profesorado, xa que é destinado a prazas peores das que lle poderían corresponder. Comprobamos, tamén, como continúan a adxudicarse prazas con perfil diferente ao necesario nos centros.
 
Fixéronse horarios de centros disparatados como consecuencia da eliminación da xornada reducida de setembro e xuño, exemplo, CEIP de Trazo e de Bembibre (Val do Dubra).
 
Constatamos, tamén, a necesidade de ampliar os servizos centrais de persoal da Consellaría de Educación, xa que son incapaces de atender as reclamacións, informar e resolver os problemas de xestión e de adxudicación do profesorado.
 
Estes son algúns dos problemas que se están atopando os centros e o profesorado coa posta en marcha do curso escolar. Desde a CIG-ENSINO, exiximos unha rápida solución a todos estes problemas e a dotación de profesorado suficiente aos centros. Non se pode dicir que se aposte pola calidade do ensino e despois restrinxir a adxudicación do profesorado solicitado polos centros e non garantir a gratuidade dos libros de texto e o servizo de comedor escolar. 
 

Volver