A CIG Ensino denuncia unha nova agresión ao noso idioma, ao confirmarse a perda do 20% do orzamento para as axudas aos equipos de normalización

Recorte ao galego

A CIG-Ensino vén de coñecer que na Comisión de Educación do Parlamento Galego, celebrada onte á tarde e en resposta a unha pregunta da deputada do BNG, Carme Adán, o Secretario Xeral de Política Lingüística confirmou o atraso na convocatoria de axudas aos equipos de normalización lingüística dos centros.

A CIG-Ensino xa denunciou, no seu día, o atraso na convocatoria destas axudas. Desde hai anos, viñamos reclamando que se convocasen co inicio do curso escolar, e, nos últimos dous anos, conseguiramos que isto fose así o que redundaba no mellor funcionamento dos Equipos que podían, deste xeito, contar co orzamento aprobado e dispoñíbel desde o inicio de curso.

Porén, neste curso, o goberno do PP volve á situación do pasado e deixa claro xa que a convocatoria destas axudas non se enviará ao DOG até xaneiro, o que significa que se confirma que, novamente, se volverán producir problemas para a realización das actividades programadas polos Equipos, o que vén ser un ataque máis ao noso idioma, ao sumar dificultades á realización dos labores de normalización. Neste sentido, a CIG-Ensino xa denunciou onte, 4 de novembro, na Mesa Sectorial, o atraso nesta convocatoria e as súas consecuencias.

Mais a información que transcende da Comisión de Educación de Parlamento ten aínda maior gravidade, pois, o Secretario Xeral de Política Lingüística non explicou que acontece coas partidas para a promoción do galego nos centros escolares, que estaban aprobadas e recollidas nos orzamentos de 2009, recoñecendo que esas partidas foron esgotadas con outras finalidades e, polo tanto, que se perden para as axudas dos Equipos, o que significa un importante recorte.

Para a CIG-Ensino, esta é unha nova agresión ao noso idioma e unha mostra máis da ausencia de vontade deste goberno da Xunta para traballar en prol da normalización do noso idioma. Desde a CIG, promoveremos que se presente unha emenda aos orzamentos da Xunta para que as axudas aos Equipos non se vexan minguadas na súa contía global para este curso 2009-2010.

Volver