
A CIG-Ensino denuncia recortes na oferta das modalidades de Artes de Bacharelato
O sindicato exixe que se dea marcha atrás na decisión de eliminar unha das modalidades artísticas no Salnés, cando no centro existe profesorado suficiente
A Consellería de Educación vén de anunciar, a través da inspección educativa, o recorte da vía de Música e Artes Escénicas, da Modalidade do Bacharelato de Artes no IES O Carril de Vilagarcía. Este recorte é de especial gravidade posto que son moi poucos os centros que ofertan esta modalidade de Bacharelato. Concretamente na comarca do Salnés, esta modalidade só se oferta nese IES.
A CIG-Ensino, na fase de tramitación do decreto do currículo de Bacharelato, xa incidiu en que se ampliase a optatividade de materias vinculadas coa artes a todo o país. Xa daquela alertamos da intención da administración galega de limitar a oferta tanto de materias como destas modalidades, que non só se nega a ampliar a máis centros, garantindo unha oferta ampla por todas as comarcas senón que mesmo, como se comproba agora no Salnés, pretenden reducir o que xa hai.
Non podemos entender a cruzada da Consellaría de Educación e da Xunta de Galiza do Partido Popular contra o ensino público, sendo esta unha decisión que carece de xustificación posíbel, mesmo desde unha perspectiva xa de miras curtas como ten a Xunta, posto que o IES O Carril sempre tivo alumnado interesado nestas ensinanzas e ademais o centro conta con profesorado con dispoñibilidade horaria para continuar con esta oferta.
A Consellaría de Educación somete continuamente aos centros públicos á presión dos recortes, tentando cada ano ir diminuíndo a súa oferta. Abonda con lembrar a tentativa que fixo a comezos do actual curso 21/22 de non ofertar determinadas optativas do bacharelato en moitos centro de Galiza, parcialmente anulada logo da denuncia pública da CIG-Ensino.
Dende a CIG-Ensino, instamos á Consellaría de Educación a reconsiderar a súa decisión de recortar a oferta do Bacharelato de Artes no IES O Carril, mantendo as dúas modalidades que se viñan impartindo dende o curso 2011/2012.