A CIG-Ensino denuncia que segue habendo numerosas incidencias nos centros debido aos recortes de persoal e chama a secundar masivamente a folga do día 25

As familias e os propios centros levan días trasladando os problemas que padecen, froito dun abandono continuado por parte dunha Consellaría de Educación máis preocupada pola propaganda triunfalista que por garantir recursos no ensino público

A día de hoxe aínda hai algunha vacante de curso completo dos plans Mega e Proa+ sen cubrir, a Consellaría borrou todas aquelas que non cubriu a semana pasada e que eran menores de 15 días de duración e non adxudicou ningunha das 240 que hai pendentes nos corpos que non son de mestras e mestras.

Para desmentir a visión manipulada que dá a Consellaría da situación nos centros de ensino, conscientes de que nas próximas semanas seguirán chegando novas incidencias, a continuación detállanse varias incidencias relacionadas case todas coa falta de persoal, sobre todo para atención á diversidade, que afectan a numerosos centros ao longo da xeografía galega.

Pontevedra

IES Pedro Floriani (Redondela)

O alumnado da ESO iniciou o curso sen profesorado de inglés debido á demora na cobertura de substitucións. A CIG-Ensino xa advertira na mesa sectorial onde se negociou o calendario que fixar o comezo o 8 de setembro era unha decisión precipitada que non deixaba marxe para resolver incidencias coma esta, co resultado de que o alumnado comeza o curso sen a atención docente necesaria.

CRA A Lagoa (Salvaterra)

O centro carece de profesorado de Pedagoxía Terapéutica e só conta cunha coidadora para atender alumnado de diferentes parroquias, unha situación claramente insuficiente. A maiores, non se aplica a compensación horaria polas itinerancias nin se cumpre o acordo de agrupamentos, xa que existen aulas mixtas que superan os 12 alumnos e alumnas, vulnerando os compromisos establecidos e dificultando gravemente a atención educativa.


CRA de Tomiño

Neste centro prodúcese unha situación que, lonxe de ser excepcional, estase a estender con preocupación neste curso: o abuso das afíns no corpo de Mestres. Así, unha mestra de Educación Infantil vese obrigada a exercer tamén funcións de Pedagoxía Terapéutica e de Orientación, unha práctica inaceptábel que degrada a calidade educativa e precariza as condicións do profesorado.


CEIP Igrexa-Chapela (Redondela)

O centro conta cunha aula de atención específica, mais carece de mestra de Audición e Linguaxe, a pesar de que o curso pasado dispoñía dunha docente a tempo completo.


CEIP Plurilingüe Outeiro das Penas (Redondela)

A mestra de Orientación ten que repartirse entre tres centros, o que lle obriga a atender un total de 21 unidades. Esta carga desproporcionada fai imposíbel unha atención axeitada ao alumnado.


CIFP Fonte Carmoa (Vilagarcía)

As clases non puideron comezar ata esta semana debido á mala planificación das obras por parte da Consellaría. Esta falta de previsión atrasou o inicio da actividade lectiva e xerou importantes prexuízos organizativos e educativos para o alumnado e o profesorado do centro.


CEIP Rubiáns (Vilagarcía)

O centro perdeu profesorado respecto ao curso pasado, reducíndose os recursos humanos para a atención ao alumnado. Ademais, trasladan tamén problemas co servizo de transporte escolar, que engaden novas dificultades ao normal funcionamento do centro.


IES Luís Seoane (Pontevedra)
O centro perdeu un posto de Pedagoxía Terapéutica do que dispoñía o curso pasado.


CEIP O Foxo (A Estrada)

O centro contaba o curso pasado cun mestre de Educación Física a tempo completo, que a Consellaría recortou este ano a media xornada. Esta decisión repercute negativamente na organización do centro.


CEP de Campolongo (Pontevedra)

Outro centro que sofre problema das afíns: dous mestres de Educación Física foron substituídos por docentes de EF con afín Inglés. Ademais, falta un posto de Pedagoxía Terapéutica que non foi cuberto, deixando o alumnado con necesidades específicas sen a atención que require.

CEIP A Carballeira (Pontevedra)

O centro carece de profesorado de Orientación, un recurso esencial para a atención ao alumnado e para a coordinación cos equipos docentes.


CEIP Álvarez Limeses (Pontevedra)

O centro precisa dun posto de Pedagoxía Terapéutica e dunha mestra de Audición e Linguaxe que a Consellaría se nega a dotar.

CEIP San Clemente (Caldas)

A negativa da Consellaría a autorizar o desdobre dunha aula de Infantil provocou que quedase alumnado fóra, o que xerou unha gran preocupación e malestar nas familias.

En conxunto, a situación na provincia de Pontevedra resulta especialmente grave, xa que ademais concentra máis da metade de todas as medias xornadas de todo o país, unha modalidade que se disparou este curso de maneira descontrolada. Isto incrementa a precariedade do profesorado interino e substituto, dificulta a organización pedagóxica dos centros e deteriora a calidade do ensino público.

CEIP de Reibón (Moaña)

Demandan docente de inglés, que si tiñan en cursos anteriores, para poder impartir o plurilingüísimo. Manifestan que se non hai dotación de persoal queren saírse do programa.

CEIP A Pedra (Bueu)

A vacante de Pedagoxía Terapéutica a tempo completo foi cuberta unicamente cunha media xornada, unha dotación claramente insuficiente para atender as necesidades reais do alumnado.

CEIP San Roque de Darbo (Cangas)

A comunidade educativa leva tempo reclamando a dotación de persoal de enfermaría para atender casos graves de saúde presentes no centro

EEI Vila Laura (Vigo)

O posto de Pedagoxía Terapéutica que nos cursos anteriores estaba a tempo completo neste centro reduciuse a só un día á semana, destinándose os outros catro a outro centro da comarca.

CEIP Infante Felipe (Salvaterra)
Centro con 425 alumnos/as, onde o director é o orientador. Só adxudican unha orientadora compartida. Ademais, a pesar de contar cunha aula máis que o curso pasado, o centro dispón de medio posto menos de Audición e Linguaxe e perde unha docente de Música respecto ao que lle correspondería segundo catálogo.

CEIP Reboreda (Redondela)

Habilitouse o ano pasado un aula de educación especial que debera implicar a dotación dunha especialista de PT, titora da aula, e que non foi adxudicada ao centro.

CEIP Mestre Martínez Alonso (Mos)
Trátase dun centro de atención preferente para alumnado con TEA, que este curso conta con máis alumnado con necesidades educativas especiais que o anterior. Porén, a Consellaría reduciu a dotación de profesorado de Pedagoxía Terapéutica e de Audición e Linguaxe, eliminou un apoio en Infantil e negouse a autorizar un desdobre. Como consecuencia, en 2º de Primaria manteñen un grupo con 25 alumnos e alumnas, que computan como 28 pola súa diversidade.

Ourense

O CPI de Cea

O centro leva anos sen conserxe tras a xubilación do anterior, sen que a Consellaría dotase esta praza imprescindíbel para o funcionamento diario. A ausencia desta figura obriga o equipo directivo a asumir tarefas que non lle corresponden.

CEIP Albino Núñez (Ourense)

A Consellaría non permite desdobrar grupos excesivamente numerosos, como é o caso da aula de 2º de Primaria, que viña sendo desdobrada en cursos anteriores. Este ano manteñen 28 alumnos e alumnas —contando as ponderacións por discapacidade—, unha ratio inasumíbel que compromete seriamente a calidade da aprendizaxe e a atención individualizada.

CEIP de Barbadás

As aulas de Infantil acollen ata 24 alumnos e alumnas, varios deles con necesidades educativas específicas, sen que a Consellaría autorice o desdobre, incumprindo así o acordo de ratios.

IES O Ribeiro (Ribadavia) e IES Xulio Prieto Nespereira (Ourense)

Nestes centros faltan especialistas de atención á diversidade, o que deixa sen cobertura adecuada ao alumnado con maiores necesidades de apoio. No caso do IES Xulio Prieto Nespereira, a situación agrávase ao levar xa tres cursos cos vestiarios precintados despois da tráxica morte dun alumno polo desprendemento dun muro, unha mostra máis do abandono e da falta de investimentos por parte da Consellaría.

CEIP Xunqueira de Ambia e CEIP Carlos Cid Arregui (Rairiz de Veiga)

Nestes centros continúan realizándose obras en período lectivo, coas molestias e riscos que iso supón para alumnado e profesorado. A falta de planificación da Consellaría provoca que o curso arrinque entre ruídos, limitacións de espazos e situacións de perigo innecesarias, en lugar de garantir condicións seguras e adecuadas para o ensino.

A situación na provincia de Ourense deixa en evidencia tanto a masificación en moitas aulas como a ausencia de recursos humanos e materiais básicos. Por exemplo, nos IES da cidade e de numerosas vilas, a maioría do profesorado chega a atender máis de 200 alumnos e alumnas, unha cifra desproporcionada que fai imposíbel ofrecer unha educación de calidade.

Nos centros do rural, os problemas multiplícanse: os comedores escolares vense afectados pola falta de persoal, xa que a Xunta nin sequera garante listas suficientes para substituír traballadoras e traballadores. En conxunto, trátase dun panorama que amosa a desatención absoluta da Consellaría ás necesidades reais do alumnado e dos centros educativos ourensáns.

A Coruña

CEIP Vicente Otero Valcárcel (Carral), o CEIP dos Muíños (Muxía), o CEIP de Bormoio-Agualda, o CEIP Francisco Vales Villamarín (Betanzos), o CEIP Sada e contornos, CEIP Milladoiro (Malpica), CEIP As Forcadas (Corme), CEIP Joaquín Rodríguez Otero (Buño), IES Mosteirón (Sada), CEIP Juana de Vega (Oleiros), CEIP Vila e CEE, IES Agra das Raíces etc…

En todos estes centros detectamos recortes de especialistas en Audición e Linguaxe e en Pedagoxía Terapéutica, ou ben a obrigatoriedade de compartilos con outros centros próximos. O que antes eran recursos propios agora convértense en recursos itinerantes, deteriorando gravemente a atención ao alumnado con necesidades educativas específicas.

Na cidade da Coruña concéntranse ademais as ratios máis disparadas, xunto con importantes carencias de profesorado que tamén se estenden a concellos limítrofes como Culleredo, Arteixo, Oleiros ou Carral. Esta realidade imposibilita a coordinación docente, provoca o abandono de bibliotecas escolares e frea proxectos educativos que estaban en marcha e que agora quedan sen continuidade pola falta de profesorado.

CEIP María Barbeito e Cerviño (A Coruña) e CEIP Alborada (A Coruña)

Nestes dous centros a Consellaría obriga a agrupar aulas e négase a autorizar desdobres que resultarían imprescindíbeis para unha atención axeitada do alumnado.

IES Rafael Dieste e IES Salvador de Madariaga (A Coruña), IES Manuel Murguía (Arteixo) e IES Menéndez Pidal-Zalaeta

Nestes centros o curso comezou con obras en marcha, lonxe de estar rematadas e sen previsión de finalizar a curto prazo. Esta falta de planificación convertiu o inicio das clases nun escenario de incomodidades, inseguridade e improvisación, que afecta directamente ao desenvolvemento normal da actividade lectiva.

CEIP Ana María Diéguez (Rianxo)

As familias mantéñense mobilizadas e seguen sen levar o alumnado ás aulas para esixir o desdobre dunha clase de 5º de Primaria que, con 24 alumnos e alumnas, computa como 28 polas súas necesidades especiais. Reclaman tamén contar cunha praza a tempo completo de Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe, imprescindíbeis para atender adecuadamente o alumnado.

CEIP Rivadulla (Vedra)

O centro conta este curso con dous docentes menos que o anterior e con medio posto de Pedagoxía Terapéutica por debaixo do catálogo, a pesar de ter varios alumnos e alumnas con necesidades específicas de apoio educativo.

CEIP Rodríguez Cadarso (Noia)

O centro sufriu a supresión dun posto de Primaria e doutro de Inglés. Ademais, debe compartir persoal coidador co IES San Alberto para atender alumnado con gran discapacidade e dependencia, o que supón unha vulneración evidente do dereito a unha atención digna e continuada.

CEIP Monte dos Postes (Compostela)

O centro reclama dous especialistas en Pedagoxía Terapéutica e un en Audición e Linguaxe para poder atender o alumnado coas necesidades máis graves e permanentes. A falta destes recursos impide garantir unha resposta educativa adecuada e deixa o profesorado sen medios para afrontar unha situación de especial complexidade.

CEIP López Ferreiro (Compostela)

O centro precisa contar cunha mestra ou mestre máis de Audición e Linguaxe para dar resposta á crecente demanda de apoio especializado.

CPI Os Dices (Rois)

O centro perdeu este curso o docente de Primaria a media xornada do que dispoñía o ano pasado, a cambio de non autorizarlle os desdobres que serían imprescindíbeis. Esta perda resulta aínda máis grave tendo en conta que a diversidade do alumnado é maior este curso e require máis recursos, non menos.

EEI do Milladoiro

O cadro de persoal do centro reduciuse nun posto e medio de Pedagoxía Terapéutica, a pesar de contar con 14 nenos e nenas con necesidades educativas especiais sobre un total de 195 matrículas.

CEIP de Pedrouzos (Brión)

O centro reclama a incorporación dun mestre ou mestra de apoio en Infantil, debido ao elevado número de alumnos e alumnas con discapacidade e de nova incorporación.

CEIP de Melide

O centro queda cun grupo de 26 alumnos e alumnas en 4º de Primaria ao non autorizárselle un desdobre.

CEIP O Grupo (Ribeira)

Vén de producirse a dimisión do seu equipo directivo ante a negativa da Consellaría a cubrir a titoría dun grupo de 3º de Primaria, vacante desde xuño por unha comisión de servizos. A mal chamada solución proposta pola administración foi a cotitorización improvisada entre unha titora e as horas de garda doutros docentes, co resultado de que cada día e en cada hora o alumnado ten un mestre ou mestra distinto. Unha situación insólita e inaceptábel.

CEIP Brea Segade (Rianxo)

O centro sofre os efectos das vacantes compartidas de Audición e Linguaxe e de Orientación, que fan imposíbel atender as necesidades máis graves do alumnado. A fragmentación destes recursos, lonxe de garantir unha resposta eficaz, deixa sen cobertura adecuada a estudantes que requiren apoio especializado continuado.

CEIP Praia Xardín (Boiro)

O centro carece do profesorado necesario de atención á diversidade e tamén de persoal coidador suficiente.

CEIP de Portosín

A Consellaría continúa sen cubrir a praza de Educación Infantil vacante tras unha xubilación.

CRA de Rianxo

O centro perdeu catro docentes, unha mostra clara da falta de aposta polos centros do rural. Estes recortes incrementan a desigualdade entre o alumnado do rural e o das zonas urbanas.

CEIP de Calo, IES Eduardo Pondal e IES A Pontepedriña

Nestes centros convive a actividade diaria das aulas co desenvolvemento de obras de reforma, ademais de que no primeiro hai dous especialistas de AL menos compartidos, con respecto ao curso pasado.

CEIP San Xoán de Filgueira

O centro pasou de dispoñer no curso 2023-2024 de dous PT —un deles preferente— e unha mestra de Audición e Linguaxe, a contar neste curso unicamente cunha AL e media xornada de PT. Todo isto prodúcese, ademais, nun contexto de incremento do alumnado con necesidades educativas especiais, polo que a redución de recursos resulta totalmente inxustificábel e deixa sen cobertura adecuada a este alumnado.

IES de Catabois (Ferrol)

O centro perdeu tres docentes con destino definitivo que foron substituídos por unha soa praza provisional con afíns en tres especialidades distintas: Economía, Tecnoloxía e Música.

CEIP das Somozas
Neste centro todas as materias serán impartidas por profesorado especialista e non por mestres de Primaria.

Lugo

CEIP Rosalía, CEIP Luís Pimentel e CEIP A Ponte (Lugo)

O día antes de iniciar o curso, a Consellaría comunicou a estes centros que os postos docentes a xornada completa cos que contaban pasaban a ser medias xornadas. Un recorte de última hora que xerou un enorme caos organizativo e obrigou a reestruturar horarios con carácter urxente.

No caso do CEIP A Ponte, incumpriuse ademais o compromiso de dotar o centro cunha orientadora a tempo completo. A isto engádese a ausencia de persoal administrativo, a pesar de que o centro xestiona directamente un comedor escolar e cinco liñas de transporte, unha carga administrativa inasumíbel para o equipo directivo.

CEIP do Páramo

O centro solicitou recuperar un posto de Primaria que xa tiveran o curso pasado, imprescindíbel para garantir unha organización pedagóxica viábel e unha atención axeitada ao alumnado. En concreto, con tres nenos e nenas menos este curso teñen 2 docentes menos ao unir tres cursos de primaria e chegar até 18 na aula, mentres que a implantación do acordo sobre aulas mixtas para este curso fixa un máximo de 14 por cada ciclo. A Consellaría respondeu cun rotundo “non”, deixando ao centro sen os recursos necesarios e demostrando que a aposta pola escola rural é meramente “declarativa”.

CEIP de Portomarín

A pesar de que o número de alumnos e alumnas aumentou este curso, o centro dispón dun docente menos que o ano pasado.

IES Leiras Pulpeiro

O centro conta con máis de 600 alumnos/as e só conta con dúas docentes de PT. Leva tempo reclamando a necesidade de contar con máis docentes de atención á diversidade.

IES Sanxillao

O centro sofre graves problemas co transporte escolar: as prazas de autobús resultan insuficientes e as familias levan tempo reclamando un incremento. A resposta da Consellaría foi engadir prazas, mais obrigando a que parte do alumnado viaxe de pé, unha decisión irresponsábel que pon en risco a súa seguridade.

IES Lois Peña Novo (Vilalba)

O centro sufriu un recorte de cupo que supuxo a perda de dous docentes, unha decisión que incrementa a sobrecarga do resto do profesorado.

CEIP de Negueira de Muñiz

Este foi un dos sete centros que a Consellaría decidiu pechar este curso, deixando ao concello sen oferta educativa pública e obrigando ás familias a desprazar o seu alumnado a outros municipios. Un peche que exemplifica a política de desmantelamento do ensino no rural.

IES Lucus Augusti e CEIP das Mercedes

Ambos os dous centros non puideron iniciar as clases con normalidade nas datas previstas ao verse afectados por obras que continúan en período lectivo. A falta de planificación da Consellaría atrasou o comezo do curso e provocou serias dificultades organizativas, obrigando a alumnado e profesorado a convivir con ruídos, limitacións de espazos e inseguridade.

Ceip do Vicedo

O centro ten un agrupamento de tres niveis con 17 alumnos e alumnas, entre eles alumnado con discapacidades recoñecidas e outros con necesidades específicas de apoio educativo, incumpríndose así o Acordo de agrupamentos.

IES Perdouro (Burela)

O centro arrastra serios problemas de infraestruturas. Continúan sen executarse reparacións pendentes tras un accidente que derrubou un muro e afectou á porta principal, polo que as obras seguen en curso con todas as dificultades que iso implica para o funcionamento diario.

A comunidade educativa leva tempo reclamando cubrir unha pista e rodeala cun muro, xa que o alumnado non dispón de espazos cubertos suficientes para os recreos nos días de choiva. Ademais, o edificio carece de accesibilidade interior: o alumnado con dificultades de mobilidade vese obrigado a saír ao exterior para acceder ás diferentes instalación.

CEIP Gregorio Sanz (Ribadeo)
O centro conta con dúas aulas de 6º de primaria que suman 51 alumnos e alumnas, unha cifra que supera de forma evidente a ratio máxima permitida. A Consellaría négase a autorizar o desdobre.

Ademais, este curso produciuse na provincia de Lugo un incremento desproporcionado das vacantes a media xornada, unha fórmula que fragmenta postos de traballo e deteriora a organización dos centros.

Para visualizar a gravidade desta tendencia:

  • Na provincia da Coruña houbo 45 vacantes a media xornada.
  • En Lugo, con moitos menos centros, rexistráronse 43.

Os datos son especialmente escandalosos en determinados institutos:

  • 10 no IES Sanxillao de Lugo.
  • 8 no IES Lama das Quendasde Chantada.
  • 6 no IES Muralla Romanad de Lugo.
  • 5 no IES Nosa Señora dos Ollos Grandes de Lugo.

Estas cifras evidencian unha política de recortes encuberta que precariza ao profesorado interino e substituto e dificulta gravemente a organización pedagóxica dos centros.

Estas son incidencias concretas que lle chegaron á CIG-Ensino por diferentes vías estes días e que demostran, sobradamente, que os recortes, a precarización e o abandono seguen protagonizando as políticas das Consellaría e hipotecando o futuro da nosa educación, condenando a varios centros do rural á súa desaparición.

Por isto, e pola redución xeralizada de profesorado na maioría das etapas educativas, así como polo descontrol e desorganización noutras (como no caso das ensinanzas de FP coa nova reforma implantada sen consenso), o sindicato maioritario no ensino público fai un chamamento a todo o profesorado a secundar masivamente a folga convocada para o vindeiro 25 de setembro, como resposta colectiva e contundente fronte a unhas políticas que poñen en risco o dereito á unha educación de calidade para todo o alumnado.

Desde a CIG-Ensino lembramos que esta é só unha mostra dos numerosos problemas que se están a dar neste inicio de curso. Sabemos que hai máis incidencias e recortes que aínda non nos chegaron, polo que animamos a todo o profesorado a facérnolas chegar a través do noso correo electrónico galiza@cig-ensino.gal.

Volver