A CIG-Ensino denuncia que moito profesorado substituto incorporado ao inicio do curso terá que agardar até finais de outubro para cobrar
O sindicato exixe o pagamento inmediato da nómina de setembro e rexeita que a escusa dos problemas administrativos obrigue o persoal afectado a traballar dous meses sen percibir o seu salario, algo insólito que non acontece en ningún sector.
Esta situación é especialmente grave ante o incremento descomunal do gasto en combustíbel e en vivenda e cun IPC anual estimado en setembro do 4,9%, seis décimas máis que en agosto, que ten que afrontar un colectivo docente conformado por miles de docentes que ademais vén de non cobrar durante o verán.
A CIG-Ensino denuncia que profesorado substituto que comezou a traballar o primeiro día do curso non percibirá a nómina de setembro e terá que agardar até finais de outubro para cobrar, un atraso confirmado polo momento na provincia de Pontevedra.
O curso pasado, o persoal incorporouse o 8 de setembro, un día antes que este ano, e si cobrou a finais dese mes. Este curso, ademais, está confirmado que nunhas provincias se aboou a nómina de setembro e noutras non, o que evidencia que os prazos de tramitación non poden xustificar o atraso. Non hai razón para obrigar a parte do profesorado a traballar case dous meses sen percibir a súa primeira nómina mentres persoal incorporado nas mesmas datas xa cobrou noutras provincias. A Consellaría debe explicar esta desigualdade de trato, aboar de inmediato as cantidades pendentes e garantir o pagamento puntual a todo o persoal, con independencia da provincia na que traballe.
Este feito agrava a precariedade dun colectivo que vén de pasar o verán sen cobrar, malia que o Acordo que regula as condicións do persoal interino e substituto, asinado pola Consellaría e os sindicatos ANPE, CCOO, UGT e CSIF, recolle o pagamento do verán para o persoal que traballe máis de cinco meses e medio. A Consellaría e os sindicatos asinantes avalan este acordo sabendo que o cobro do verán continúa bloqueado nos orzamentos da Xunta, deixando sen efecto ese dereito.
A situación prodúcese, ademais, nun contexto de forte encarecemento da vida: o indicador do IPC de setembro sitúa a inflación anual estimada no 4,9 %, seis décimas máis que en agosto, cando se situaba no 4,3 %. A suba dos combustibles dispara o custo dos desprazamentos e os prezos prohibitivos do alugueiro ou de aloxamentos hoteleiros dificultan aínda máis a incorporación do persoal substituto ao seu posto de traballo.
Neste contexto, cómpre lembrar que a suba salarial acordada por CCOO, UGT e CSIF para este ano foi só do 1,5 %, unha porcentaxe moi inferior á inflación que prolonga a perda de poder adquisitivo do profesorado. O que se vendeu como unha recuperación do poder de compra queda, unha vez máis, nun exercicio de propaganda na mesma liña que o da Administración.
O profesorado non ten por que adiantar do seu peto os cartos necesarios para poder traballar, algo no que nos botariamos á cabeza en calquera outro sector, polo que a CIG-Ensino exixe á Consellaría que aboe de inmediato as cantidades pendentes, habilitando unha vía extraordinaria de pagamento se é necesario, e que garanta que esta situación non se repita.

