A CIG-Ensino denuncia que Educación persiste en manter os recortes para a promoción do galego
A Consellaría mantén un ano máis unha redución de medio millón de euros para proxectos de fomento do uso do galego
Por outro lado, en contra das demandas do profesorado, da CIG-Ensino e do propio sentido común e as directrices dunha boa xestión a Consellaría de Educación volve publicar a convocatoria desta orde cando xa está iniciado o segundo trimestre, impedindo a realización de actividades de normalización no primeiro trimestre do curso.
Por outro lado, mesmo en contra do título da convocatoria, malamente se poderán pór en práctica neste curso 2012-2013, pois con moita sorte non se coñecerá o resultado dos proxectos premiados nin a contía coa que contarán os equipos antes do inicio do terceiro trimestre.
A data en que se realiza a convocatoria, así como a data de resolución, que o ano pasado se produciu en xuño, 20 días antes de que os centros tivesen que presentar as xustificacións das actividades realizadas, inviabiliza o traballo dos equipos, e pode provocar déficits económicos importantes nos centros, pois se ven na obriga de realizar as actividades de normalización confiando nunhas axudas que non teñen confirmadas e que poden fallarlles no último momento, ás veces por causa da propia Administración que non se preocupa de comprobar se os centros recibiron en tempo e forma os requirimentos realizados.
Na orde publicada hoxe a Consellaría mantén unha redución de medio millón de euros nesta partida, pois fronte aos 800.000 € que se lle asignaron aos centros nos cursos 2009-2010 e 2010-2011, a Consellaría volve reducir a partida orzamentaria para este curso a 300.000 €, unha redución do 62,5% (unha redución que para os centros privados foi inferior, do 55,4%). Isto fai tamén que se reduza nunha media dun 55% respecto do curso 2010-2011 a contía que pode percibir cada centro.
A CIG-Ensino reclama:
- Que estas axudas se convoquen no mesmo mes en que se inicia o curso escolar.
- Que o período de xustificación das axudas e, por tanto, de realización de actividades abranga a totalidade do curso escolar, desde o primeiro día de setembro.
- Que se incrementen as axudas para a promoción da lingua galega como mínimo até acadar as contías do curso 2010-2011 (800.000€)
- Que a resolución das axudas se realice no primeiro trimestre do curso.
- Que as notificacións relativas á convocatoria, puntuacións e resolucións se notifiquen de maneira efectiva aos equipos directivos dos centros e aos Equipos de normalización, tendo constancia de que foron recibidas e evitando así o sucedido no pasado curso en que varios centros quedaron excluídos das axudas porque o procedemento de notificación non foi suficientemente garantista.
- Que participe un maior número de profesorado nas comisións de cualificación e que sexa nomeado por sorteo entre o profesorado que participa nos equipos, pois nesta convocatoria unha vez máis a Secretaría Xeral se reserva o dereito de nomear a totalidade das persoas que van participar no proceso de cualificación.
A CIG-Ensino esixe do Conselleiro de Educación que atenda as demandas anteriores e que abandone as ladaíñas coas que adoito responde cando lle sinalamos a súa obsesión contra a nosa lingua, obsesión que se traduce e obxectiviza nestes recortes continuados contra os Equipos de Normalización, unha vez máis contra o profesorado máis sensíbel e implicado coa necesidade de promover o noso idioma entre as máis novas e os máis novos.