A CIG-Ensino denuncia que Educación incumpre as ratios no CEIP Virxe do Corpiño de Begonte e reclama unha terceira aula de Infantil
O sindicato denuncia que a Consellaría mantén só 2 unidades mixtas de Infantil malia que a aplicación da normativa obriga a contar cunha terceira. Ademais critica que se recorra á ameaza da Fiscalía de Menores para frear as protestas das familias
A CIG-Ensino denuncia a situación que se está a vivir no CEIP Plurilingüe Virxe do Corpiño de Begonte, onde a Consellaría de Educación mantén unicamente dúas unidades mixtas de Educación Infantil malia que os datos de matrícula e a aplicación da normativa vixente fan necesaria unha terceira unidade.
O centro conta este curso con 27 nenos e nenas matriculados en Educación Infantil. Entre este alumnado hai un menor que, polas súas necesidades educativas especiais e segundo a Lei 5/2024, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, computa como tres, polo que a cifra ascende a 29 alumnos e alumnas a efectos de ratio. A mesma norma anterior fixa ademais en 14 o número máximo de alumnos e alumnas nas unidades de Infantil nas que se agrupan distintos niveis.
As contas, polo tanto, son claras: 29 alumnos e alumnas a efectos de ratio non poden estar distribuídos en só dúas unidades de 14. O centro debería contar cunha terceira unidade de Infantil e coa correspondente dotación de profesorado.
Porén, a Xefatura Territorial autorizou unicamente dúas unidades mixtas. Esta decisión ten tamén unha consecuencia directa sobre o cadro de persoal: coa terceira unidade, o centro contaría con catro docentes de Educación Infantil (unha delas sería mestra de apoio), mentres que na actualidade dispón unicamente de dúas.
Para a CIG-Ensino é difícil entender que a Xunta faga propaganda de Galiza como comunidade pioneira na implantación do cómputo dobre e triplo do alumnado con necesidades educativas especiais e que, cando chega o momento de aplicalo e de poñer os recursos necesarios, non respecte na práctica aquilo do que presume publicamente.
A Consellaría ameaza coa Fiscalía de Menores para frear as mobilizacións
As familias do Virxe do Corpiño comezaron as protestas xa no primeiro día de clase. O pasado 9 de setembro, os nenos e nenas acudiron ao centro pero non entraron nas aulas, mentres as familias se concentraban diante do colexio para reclamar o cumprimento das ratios e a creación da terceira unidade de Infantil. As mobilizacións continuaron nos días seguintes.
A CIG-Ensino acompañou as familias nestas protestas porque a súa reclamación é moi concreta: non están pedindo ningún privilexio nin un trato excepcional, senón que se cumpra a normativa e que os seus fillos e fillas conten cos recursos que lles corresponden.
O sindicato tivo coñecemento ademais de que, despois de que as familias decidisen non levar temporalmente o alumnado ás aulas como medida de protesta, desde a Administración educativa se trasladaron indicacións sobre unha posíbel intervención da Fiscalía de Menores.
Para a CIG-Ensino é inadmisíbel que se utilice a Fiscalía como elemento de presión fronte a unhas familias que se están mobilizando precisamente para reclamar unha mellor atención educativa para os seus fillos e fillas. A Fiscalía de Menores non está para actuar ante familias que defenden a atención educativa que os seus fillos e fillas merecen por Lei, senón ante situacións graves de desamparo e de desprotección de menores polo que a súa utilización política resulta inadmisíbel.
A solución pasa por algo moito máis sinxelo: autorizar a terceira unidade de Educación Infantil e dotar o CEIP Virxe do Corpiño do profesorado que necesita.
Novas relacionadas

