
A CIG-ENSINO denuncia que Educación incrementa, cunha extra superior aos 300.000 €, as subvencións a centros privados concertados
Fronte aos recortes no ensino público, a Consellaría incrementa o financiamento extraordinario dos centros concertados
A Consellaría de Educación publicou no DOG de 28 de decembro a Orde de 16 de decembro de 2011 pola que se convocan axudas a centros privados concertados para a atención ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo. Con esta orde, a Consellaría vai desviar un importante financiamento extraordinario aos centros concertados. Curiosamente unha partida que non sofre ningún tipo de recorte, moi ao contrario, xa que neste caso o incremento orzamentario respecto de 2011 é superior ao 37%.
| 2011 | 2012 | Incremento | Incremento porcentual |
Infantil e Obrigatoria | 209298,8 € | 287534 € | 78235,2 € | 37,4 % |
FP | 9115,5 € | 12466 € | 3350,5 € | 36,8 % |
Total | 218414,3 € | 300000 € | 81585,7 € | 37,4 % |
Polo tanto, a subvención destinada a estes centros pode ascender este ano a 300.000 €, 50 millóns das antigas pesetas, sendo 287.534 € para os centros de Infantil, Primaria e Secundaria e 12.466 € para os de FP.
Estas contías, que deben ir destinadas a atender o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo, “naqueles aspectos que non estiveran xa cubertos polo correspondente concerto educativo”, son realmente unha subvención extra, por enriba do propio concerto que teñen establecidos estes centros, ningún deles de Educación Especial. Estas subvencións permítelles a estes centros prestar servizos e contratar persoal que os centros públicos, nin sequera os de Educación Especial, poden prestar ou contratar. Estamos pois ante un caso flagrante de discriminación en favor do ensino concertado.
Os centros privados que resulten beneficiados con esta subvención van poder contratar persoal complementario co que nunca poden contar os centros públicos: logopeda, fisioterapeuta, axudante técnico educativo, traballadores/as sociais ou intérprete de linguaxe de signos. Ademais, tamén, a diferenza dos centros públicos, poderán facer fronte con esta subvención a reparacións e mantemento da adaptación das instalacións ou á adquisición de material específico.
Para a CIG-Ensino, o feito de que a Consellaría de Educación convoque este tipo de subvencións, que veñen incrementar os fondos destinados ao ensino privado, é unha provocación e un escándalo ante os continuos recortes que está a sufrir o ensino público.