A CIG-Ensino denuncia que Educación continúa coa súa política de despedimento do profesorado dos CELGA

Publicou a orde do 20 de agosto de 2014 pola que se convocan os cursos de linguaxe administrativa galega e preparatorios CELGA

A CIG-Ensino denuncia que a Consellaría de Educación continúa coa súa política de despedimento do profesorado que viñan impartindo cursos preparatorios para os certificados de lingua galega, Celga, e cursos de linguaxe administrativa.

O día 27 de agosto, a Consellaría publica a orde do 20 de agosto de 2014 pola que se convocan, con carácter gratuíto, cursos de linguaxe administrativa galega e cursos preparatorios para os certificados de lingua galega, Celga, que se realizarán en distintos períodos e en varias escolas oficiais de idiomas de Galicia, orde por medio da cal efectiviza o despedimento do profesorado que até o de agora viña impartindo estes cursos.



Anxo Louzao, secretario nacional da CIG-Ensino, declara que “esta actitude da Consellaría é aínda máis condenábel se temos en conta que as inspeccións de traballo e agora os tribunais do social están declarando como nulos os despedimentos do profesorado que se deixou de contratar e que viña impartindo estes cursos, o que significa que terían que ser readmitidos no momento en que estas sentenzas se convirtan en firmes”. E engade. “A Consellaría, non satisfeita con ter despedido o profesorado que impartías os cursos preparatorios dos Celga, estende agora esta actuación fraudulenta e contraria á legalidade aos cursos de linguaxe específica.”


Neste sentido cómpre lembrar que a Consellaría mantivo a estas traballadoras e traballadores sen contrato durante anos e anos, polo que careceron do elemental dereito ás cotizacións da Seguridade Social, percibir o paro ou computar a efectos de xubilación.


A CIG-Ensino denuncia que con esta actuación a Consellaría non só está despedindo profesorado e impedindo o exercicio dos dereitos laborais fundamentais aos traballadores e traballadoras afectados senón que é unha forma máis de continuar coa súa política de ataque ao noso idioma e aos colectivos da administración. Así mesmo é tal o descaro e a inquina da Consellaría con este colectivo de profesorado que primeiro os formou para impartir este tipo de cursos e agora impídelle impartilos.

A CIG-Ensino vai continuar apresentando demandas de despedimento nos xulgados do social e continuará coas mobilizacións para que cese esta política de atropelo aos dereitos máis fundamentais de calquera traballador/a.

Volver