
A CIG-Ensino denuncia que Educación aínda non desenvolveu a normativa de admisión de alumnado nos centros
Non se coñecen os prazos para a reserva de praza, solicitude de admisión e matriculación
Na anterior orde os prazos que se contemplaban eran os que seguen:
- Reserva de praza para o alumando do centro: Do 1 ao 15 de febreiro
- Solicitude de admisión: Do 1 ao 31 de marzo
- Matriculación: Do 20 ao 30 de xuño: Educación Infantil e Primaria; do 25 de xuño ao 10 de xullo: ESO e Bacharelato; do 1ao 10 de setembro: Prazo extraordinario para ESO e Bacharelato.
Diante desta situación de abandono das súa funcións e de incompetencia, a CIG-Ensino esíxelle á Consellaría de Educación que publique a nova orde e que se fixen un prazos amplos e semellantes aos fixados para os cursos pasados, así como as instrucións para a aplicación do novo decreto de admisión.
Recurso contencioso administrativo no TSXG
A CIG-Ensino vén de presentar un recurso contencioso administrativo diante do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza contra o decreto de admisión de alumnado aprobado pola Xunta. A CIG-Ensino solicita a súa nulidade ao entender que a Xunta modificou os criterios de admisión para favorecer, nomeadamente, a elección de alumnado por parte dos centros privados concertados.
O decreto aprobado pola Xunta introduce a posibilidade de que o centro, de xeito arbitrario, poida outorgar un punto no baremo de acceso. Para a CIG-Ensino este cambio supón romper a unidade de criterio e vai servir para que os centros concertados, diante dunha mesma puntuación, poidan optar polo alumnado que prefiran.
Por esta razón á CIG-Ensino fai un chamamento aos Consellos Escolares para que declinen facer uso do apartado polo que poden outorgar un punto por criterios discriminatorios.