A CIG-Ensino denuncia que a Xunta deixa de ofrecer os cursos CELGA a docentes en paro e opta por profesorado en activo, como horas extras

A CIG-Ensino rexeita que a Consellaría pretenda que o profesorado dos centros imparta estes cursos como traballo extra

A CIG-Ensino denuncia que a Xunta deixa de ofrecer os cursos CELGA ao profesorado en paro e opta por profesorado en activo. A CIG-Ensino rexeita que a Consellaría pretenda que o profesorado dos centros imparta estes cursos como traballo extra, deixando o profesorado desempregado sen esta posibilidade. Por iso, facemos un chamamento aos departamentos de Lingua e Literatura Galega para que, por solidariedade cos compañeiros e compañeiras en situación de desemprego, se neguen a impartilos.

Até agora, os cursos preparatorios das probas CELGA eran impartidos por profesorado “colaborador” procedente dunha listaxe, elaborada baixo uns criterios recollidos nun baremo estabelecido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e cuns requisitos entre os que figura o ser “demandante de emprego en situación laboral de desempregado”.

Este profesorado impartía estes cursos sen ningún contrato de traballo e sen ser dado de alta na seguridade social. Ante esta situación irregular, a CIG-Ensino interpuxo denuncia perante a inspección de traballo da Coruña que a resolveu, con data do 15 de novembro de 2013, recoñecendo a relación laboral entre a Consellaría de Educación e o profesorado “colaborador” dos cursos CELGA e dando de alta de oficio con efectos retroactivos nos períodos en que impartiran clases nos últimos catro anos. A propia inspección impón unha multa de máis de 200.000 euros á Consellaría pola actuación fraudulenta. A CIG-Ensino tamén interpuxo denuncia nas outras tres inspeccións de traballo. A Inspección de Ourense vén de resolver en termos semellantes á da Coruña. Fican por resolver a das inspeccións de Pontenvedra e Lugo que a CIG-Ensino espera sexa nos mesmos termos.

A CIG-Ensino, á vista da resolución da inspección de traballo e da actuación fraudulenta da Consellaría,  exixiulle á Secretaría Xeral de Política Lingüística que os próximos chamamentos se producisen obrigatoriamente mediante contrato laboral. Agora,  Consellaría, no canto de continuar ofrecendo os cursos preparatorios CELGA  ao profesorado en paro, opta por que sexa o profesorado en activo dalgúns centros de secundaria o que os imparta como horas extraordinarias, para así evitar a contratación do profesorado “colaborador” dos cursos preparatorios CELGA.
 

“Non deben servirnos de escusa as reducións salariais que sufrimos, nin os recortes e a eliminación de dereitos laborais para aceptar estas medidas porque supoñen destrución de emprego”; explica Anxo Louzao, secretario nacional da CIG-Ensino. A CIG-Ensino pelexará e loitará para restituír os nosos salarios e mellorar as nosas condicións laborais, mais non a conta de horas extras procedentes dun traballo que era desempeñado por profesorado en situación de desemprego.

A CIG-ENSINO convocou asembleas para abordar a situación do profesorado CELGA e formular propostas de actuación para o próximo martes 18 ás 18 horas nos locais da CIG-Ensino das setes cidades.


Ligazón ao CIG INFORMA

Volver