A CIG-Ensino denuncia que a filtración de parte da proba xeral de 3º evidencia a chambonada na que a Xunta converteu a súa aposta pola LOMCE e as reválidas
Para a CIG-Ensino estes feitos desautorizan a actuación do Goberno galego e do conselleiro
Para a CIG-Ensino todo indica que foi a propia Consellaría de Educación a responsable desta filtración e esixe unha explicación pública do sucedido que ten que levar consigo a desaparición da LOMCE e das reválidas. “Tendo en conta que parte das probas se filtraron publicamente antes de que remataran e que máis do 80% do alumnado non as fixo a Consellaría debería tomar a decisión de que se tiren a papeleira, que non se corrixan e que se deixe de cargar aos centros, en contra da súa vontade, de traballo inútil”, engade Louzao.
En calquera caso, para a CIG-Ensino estes feitos desautorizan a actuación do Goberno galego e poñen en evidencia a falta de competencia do novo conselleiro de Educación, motivo suficiente para que presente a súa dimisión.
“O Goberno de Feixoo teima en someter o alumnado e o sistema educativo a unha presión innecesaria, pero eles mesmos son incapaces de actuar cun mínimo rigor. Á vista está que malgastan recursos públicos nunhas probas que a propia Consellaría converteu nun cachondeo e nunha autentica chambonada. E unha tomadura de pelo e desconsideración ao profesorado e aos centros”, explica Anxo Louzao, secretario nacional da CIG-Ensino.