A CIG-Ensino denuncia que a Consellaría xa non vai cubrir as baixas docentes até 2023
Xa nas semanas anteriores, debido aos festivos do martes 6 e xoves 8, os chamamentos non foron normais
A dúas semanas de comezar o período de vacacións de Nadal a CIG-Ensino acaba de confirmar que non se van cubrir xa máis baixas do profesorado, algo que non por repetido ano tras ano non deixa de ser grave.
O Goberno do Partido Popular volve deixar claro que a calidade do sistema educativo galego e os dereitos laborais do profesorado non son algo do seu interese, e que a educación é un gasto que hai que cadrar.
A día de hoxe, 13 de decembro, e unha vez que a Consellaría borrou todas as baixas inferiores a 15 días, atopámonos con 33 baixas sen cubrir, 11 de Ensino Secundario, 14 de Primaria, 7 de Formación Profesional e 1 das Escolas Oficiais de Idiomas. Entre as prazas non cubertas atopámonos baixas de profesorado que imparte en segundo de bacharelato, co que iso vai supoñer de trastorno para un alumnado que se vai ter que enfrontar á ABAU.