
A CIG-ENSINO denuncia que a Consellaría vai regalarlle diñeiro público a Legálitas por un servizo, atendido desde Madrid, polo que non poderá resolver como é debido as consultas que reciba
Supón a privatización dun servizo que debería prestar a propia Consellaría
A Consellaría realiza un convenio cunha empresa de Madrid dedicada á asesoría xurídica telefónica. Non se está contratando un servizo propio e específico para a Consellaría de Educación da Xunta de Galiza, senón que se fai un convenio cunha empresa que atende desde Madrid. Estamos ante un engano máis da Consellaría, pois o telefono que se facilita para información ( 902090354) nin sequera canaliza a consulta nin resolve as preguntas. Constatamos como a empresa usa este servizo par gañar clientes,. Hoxe, houbo profesorado ao que, unha vez que lle responderon que o seu caso non esta contemplado no servizo contratado pola Consellaría, a empresa non tivo ningún repara en ofrecerlle os seus servizos pero, evidentemente, cobrando.
Consecuentemente o profesorado galego atopouse xa coa dificultade derivada do feito de estar a empresa en Madrid: a empresa atende exclusivamente en español, impedindo na práctica a que o profesorado use o galego na interlocución coa empresa. A esta eiva súmase o descoñecemento absoluto de Galiza, as nosas especificidades territoriais e contexto sociocultural. Como vai interpretar e asesorar unha empresa de Madrid unha consulta sobre o uso do idioma galego? Que sensibilidade ten esta empresa co noso país e o noso idioma para asesorar debidamente o profesorado.
A Consellaría fai propaganda, levanta unha poeira enorme coma quen fixo algo inmenso e á hora da verdade malgasta o diñeiro público nun servizo que nin é propio, nin nos vai atender entendendo a nosa especificidade.
A Consellaría manipula, como cando traslada a través da TVG que este servizo vai ser gratuíto. Gratuíto non, sae dos orzamentos de Educación e significa unha redución doutras partidas, un gasto que non vai servir para nada.
A CIG-Ensino xa lle trasladou á Consellaría na Mesa sectorial de onte día 19 o seu rexeitamento a este servizo polo xeito en que se puxo en marcha, polas súas limitacións e porque significa a privatización dun servizo que debería prestar a propia Consellaría.