A CIG-Ensino denuncia que a Consellaría suprime a Educación Permanente de Adultos en case 50 centros e 14 ciclos formativos, sen tratar o tema na mesa sectorial

Máis recortes da Consellaría

A CIG-Ensino denuncia que a Consellaría vai suprimir para o vindeiro curso a Educación Permanente de Adultos en case 50 centros e 14 ciclos formativos, sen que os representantes do profesorado teñamos coñecemento de cales son os motivos destas supresións nin as súas consecuencias. A CIG denuncia ademais que a Consellaría vulnera os canles de negociación pois as supresións de postos de traballo deben ser tratadas nas Xuntas de Persoal docentes, que deben contar con toda a información antes de que a proposta sexa enviada á Dirección Xeral correspondente que ten que levar o tema á Mesa Sectorial, antes da súa publicación no DOG.
A CIG-Ensino mobilízase contra os recortes da Consellaría de Educación
 
A CIG-ENSINO DENUNCIA QUE A CONSELLARÍA DE EDUCACIÓN SUPRIME A EDUCACIÓN PERMANENTE DE ADULTOS EN CASE 50 CENTROS  E 14 CICLOS FORMATIVOS SEN TRATAR O TEMA NA MESA SECTORIAL
 
A CIG-Ensino denuncia que a Consellaría vai suprimir para o vindeiro curso a Educación Permanente de Adultos en case 50 centros e 14 ciclos formativos, sen que os representantes do profesorado teñamos coñecemento de cales son os motivos destas supresións nin as súas consecuencias. A CIG denuncia ademais que a Consellaría vulnera os canles de negociación pois as supresións de postos de traballo deben ser tratadas nas Xuntas de Persoal docentes, que deben contar con toda a información antes de que a proposta sexa enviada á Dirección Xeral correspondente que ten que levar o tema á Mesa Sectorial, antes da súa publicación no DOG.
            Porén a Consellaría opta pola vía do autoritarismo e a imposición e realiza un elevadísimo número de supresións a través da publicación no DOG, dándose o caso de que hai centros que coñecen estas supresións a través do DOG sen ter información previa.
            Segundo a Orde publicada este luns 21 de xuño, suprímense a totalidade das ensinanzas de adultos en nove centros: IES de Lamas de Abade e Monte de Conxo en Compostela, IES Anxel Casal na Coruña, IES Marqués de Suances en Ferrol, IES Terra Cha en Castro de Rei, IES nº 1 en Lugo, IES Luís Seoane en Pontevedra, IES Santo Tomé do Freixeiro en Vigo e IES 1º de Marzo en Baiona, a maiores destas supresións, suprímense as ensinanzas básicas de nivel I e II en 35 centros (18 na Coruña, 7 en Lugo, 3 en Ourense e 7 en Pontevedra), a ESO en 3 centros e o Bacharelato en 4 centros. En FP suprímense 14 ciclos formativos, 13 superiores, 3 deles en oferta modular de adultos, e 6 medios, 3 tamén en oferta modular de adultos.
Se ben é certo que hai creacións, no caso da Educación de Adultos a maioría dos centros engadidos son os centros penitenciarios que xa viñan funcionando como centros de adultos, polo que a implantación efectiva da educación de adultos redúcese a tres centros en todo o país, e ao incremento de novas unidades en 7 centros. Por tanto o balance final é o dun elevado número de supresións, case cincuenta supresións, fronte a unhas dez creacións. En FP soamente se crean 3 novos ciclos, todos eles en oferta modular de adultos.
A CIG-Ensino ten constancia de que na maioría dos casos estas supresións afectarán a un importante número de alumnado e, en todos os casos poden supor mobilidade para o profesorado e perda de postos de traballo para o profesorado interino, que un ano máis verá deteriorada a súa situación laboral. Por outro lado, no caso de FP aínda se poden producir máis supresións por mor do incremento do número mínimo de alumnos e alumnas necesarios para manter e crear novos ciclos. Por este motivo a CIG esixirá da Consellaría unha revisión das supresións publicadas no DOG e que en ningún caso supoñan mobilidade obrigatoria para o profesorado.
Ademais, Centros afectados que tiveron coñecemento destes recortes, xa se dirixiron á CIG para denunciar esta situación.
Por este motivo, a CIG-Ensino vai realizar unha concentración o vindeiro 29 de xuño diante da Consellaría de Educación ás 11:30 para denunciar estes recorte de postos educativos e laborais e esixir a súa revisión. A CIG fai un chamamento ao profesorado a que participe nesta concentración na que se denunciarán os recortes en FP, en Educación Permanente de Adultos e para o profesorado en xeral.
 
23 de xuño de 2010
Secretaría de Prensa da CIG-Ensino

Volver