A CIG-Ensino denuncia que a Consellaría segue sen comunicar os cesamentos ao profesorado substituto e agrava a precariedade do colectivo
O sindicato solicita melloras inmediatas para este colectivo como a posibilidade de escoller áreas diferentes das provincias e concellos para facer substitucións
Coa chegada do final do período lectivo o sindicato vén de recibir queixas novamente sobre o proceder da Consellaría de Educación no relativo á xestión dos cesamentos do persoal substituto. A Administración abandona ao persoal substituto, non só negándolle a recuperación de dereitos como o cobro do verán ou someténdoo á incerteza que xera o funcionamento do futuro aplicativo da xestión de substitucións, senón tamén afondando no malestar do colectivo ao desentenderse das súas obrigas como empregadora.
A CIG-Ensino denuncia que a Consellaría de Educación continúa sen comunicar de maneira oficial, inmediata e individualizada o cesamento do profesorado substituto, obrigando as persoas afectadas a descubrir polos seus propios medios cando remata a súa relación laboral coa Administración.
O sindicato xa advertiu na Mesa Sectorial, durante a negociación das modificacións do Acordo do persoal interino e substituto, que a nova ferramenta debía servir para mellorar os dereitos deste colectivo e non limitarse a modificar o sistema de chamamentos e introducir un réxime de penalizacións. Porén, a Administración rexeitou todas as propostas presentadas polo sindicato e deixou claro que non tiña intención de incorporar ningunha mellora ao texto. Ante a opacidade da administración na posta en marcha do futuro aplicativo a CIG-Ensino pregúntase se esta modificación vai servir para garantir un dereito tan básico como o de recibir unha comunicación formal do cesamento.
Para a CIG-Ensino non existe ningunha xustificación para que a Consellaría non comunique os cesamentos. Na maior parte dos casos, a Administración coñece con antelación suficiente cando vai finalizar unha substitución. Se a persoa titular está en situación de incapacidade temporal, ten a obriga de comunicar a súa alta nun prazo de 24 horas, e no caso das licenzas e permisos, a propia Administración sabe con varios días de antelación a data exacta da reincorporación. Por iso, resulta incomprensible que o persoal substituto non reciba unha comunicación oficial da data do seu último día de traballo, cando menos, o día do propio cesamento.
A ausencia dunha notificación oficial non é un simple defecto administrativo. Ten consecuencias directas sobre os dereitos das persoas traballadoras.
A CIG-Ensino tivo coñecemento de casos de docentes substitutas que acudiron ao centro de traballo para comprobar nese mesmo momento que a persoa titular tamén se reincorporaba ese día. Nestes casos a comunicación do Instituto Nacional da Seguridade Social informándoa do cesamento da súa relación laboral chegou varios días despois e aínda foi posterior a comunicación da Consellaría de Educación.
Esta falta de comunicación provoca situacións de absoluta indefensión. Hai docentes que continúan desprazándose ao seu centro de traballo descoñecendo que xa non están contratadas, asumindo os riscos derivados deses desprazamentos e a incerteza sobre a cobertura en caso de accidente in itinere. Tamén se producen situacións nas que o persoal percibe retribucións correspondentes a días nos que a Administración considera posteriormente que xa non estaba contratado, reclamándolle despois a devolución desas cantidades sen que a persoa tivese coñecemento do seu cesamento.
Ademais, estes atrasos na actualización da situación administrativa durante o curso, teñen impedido que o profesorado substituto sexa tido en conta para novos chamamentos. Mentres a Consellaría segue mantendo unha persoa como "en activo", esta non pode participar na adxudicación doutras vacantes ás que tería dereito unha vez rematada a substitución anterior, perdendo oportunidades de traballo por unha deficiente xestión administrativa allea á súa vontade.
O sindicato lembra que xa reclamou na negociación unha cláusula de estabilidade para o persoal interino con máis antigüidade, o cumprimento efectivo do pagamento do verán ao persoal substituto con máis de cinco meses e medio traballados, a mellora das condicións das listas de substitucións, a regulamentación das restricións para substitucións por áreas xeográficas sen xustificación e unha regulación clara da nova aplicación informática.
Novas relacionadas

