A CIG-Ensino denuncia que a Consellaría quere acabar coa transparencia na publicación das vacantes de substitución coa escusa dunha nova aplicación informática

A CIG-Ensino critica que a Consellaría non informase na mesa sectorial, non respondese ás preguntas formuladas e avance agora nun sistema que reduce a transparencia na publicación das vacantes de substitucións

A CIG-Ensino denuncia o novo paso atrás en transparencia que pretende dar a Consellaría de Educación coa implantación da nova aplicación de xestión das substitucións. Segundo a comunicación remitida o pasado venres ás direccións dos centros, a partir de agora as vacantes rexistradas polos propios centros xa non serán visíbeis de xeito automático para o profesorado aspirante, como viña acontecendo até o de agora.

Este cambio supón unha modificación de enorme transcendencia no funcionamento do sistema. Até o momento, cando un centro rexistraba unha vacante, esta publicábase directa e automaticamente na páxina web de substitucións, existindo así unha relación directa entre o que comunicaba o centro e o que finalmente se facía público. Iso permitía contar cun mínimo control sobre o proceso, ao facer posíbel comprobar se unha vacante fora modificada, eliminada ou non publicada correctamente, e facilitaba así a detección de erros e a presentación de reclamacións.

Co novo modelo, pola contra, entre a comunicación do centro e a publicación final introdúcese un filtro previo de validación por parte da Consellaría, de maneira que xa non se fará pública automaticamente a información rexistrada polos centros. Isto implica que o profesorado deixará de poder coñecer directamente que vacantes foron comunicadas e terá acceso unicamente ao que a administración decida publicar unha vez aplicado ese filtro.

A propia comunicación oficial indica que as solicitudes deberán superar uns supostos “criterios técnicos e requisitos de xestión establecidos” para seren publicadas. Porén, a día de hoxe a Consellaría non aclarou cales son eses criterios, quen os fixa, como se aplican nin que garantías existen para evitar arbitrariedades, erros ou demoras. Este proceder afonda aínda máis no oscurantismo co que a Consellaría está a xestionar a nova aplicación e choca cos principios de transparencia e acceso á información pública que deben rexer toda actuación administrativa.

Ademais, esta mudanza transmite unha preocupante desconfianza cara ao traballo dos equipos directivos dos centros, como se a información que rexistran precisase dunha tutela previa por parte da administración. Cómpre lembrar que o procedemento vixente até agora era claro e sinxelo, baseado na introdución dos datos básicos da vacantes e do seu período de duración. O que se introduce agora non responde a unha necesidade real de mellora, senón que abre a porta a máis demora na cobertura das substitucións e mesmo a que determinadas vacantes non cheguen a publicarse, dificultando ademais que isto poida ser detectado polo profesorado.

Desde a CIG-Ensino criticamos tamén que esta información non se proporcionase na mesa sectorial. Pola nosa parte formuláronse preguntas e solicitudes de aclaracións que non foron respondidas, e agora a Consellaría sae con esta comunicación sen que sigamos tendo unha explicación clara e completa sobre o funcionamento real do novo sistema.

A isto súmase outro feito especialmente grave: todo o relacionado coa nova aplicación de substitucións está a negociarse na comisión de seguimento do acordo de interinos, sen ningunha transparencia por parte da administración nin das restantes organizacións sindicais que forman parte dela. Trátase dun proceso que afecta de cheo ao profesorado substituto e ao funcionamento do sistema de chamamentos, e que, porén, se está levando con total opacidade, sen información pública suficiente e sen que o conxunto do profesorado saiba realmente que se está pactando, en que termos nin con que consecuencias.

Estamos ante un novo exemplo dunha maneira de actuar cada vez máis habitual por parte da Consellaría: ocultar información, reducir espazos de control e presentar como mellora técnica o que na práctica supón unha perda de garantías e transparencia. Esta deriva xa a vimos noutros procesos recentes. Coa escusa da privacidade, a Consellaría foi convertendo en menos transparentes procedementos que antes permitían un maior control público, como ocorreu co CXT e coas oposicións. Agora pretende facer o mesmo co sistema de substitucións.

Por todo isto, a CIG-Ensino exixe á Consellaría que rectifique de inmediato e manteña o sistema de publicación directa das vacantes tal e como funcionaba até agora, sen filtros previos opacos nin intervencións que reduzan a transparencia. Ademais, é preciso que traia á Mesa Sectorial a proposta de funcionamento da nova aplicación de xestión de substitucións de inmediato e que deixe de ocultar información sobre a súa negociación. Unha opacidade que coa CIG-Ensino nunca se produciría dado que informaría ao profesorado substituto de todos os pasos que a administración estea a dar para configurar esta aplicación informática. Por último, solicita que este novo sistema sirva para axilizar a cobertura das vacantes, independentemente da súa duración, e evitar que o alumnado estea sen docente, como acontece agora.

Volver