A CIG-Ensino denuncia que a Consellaría mente cando di que crea 1100 prazas de FP

A Consellaría suprime un total de 70 unidades co conseguinte desprazamento de 210 profesores e profesoras e a desaparición de máis de 2100 postos escolares públicos

A CIG-ENSINO CONVOCOU UNHA CONCENTRACIÓN ANTE A CONSELLARÍA DE EDUCACIÓN O VENRES 10 ÁS 10.30 H. A CIG-Ensino denuncia que a medida anunciada pola Consellaría está destinada a recortar a oferta educativa obrigatoria e de Bacharelato no Ensino Público, potenciando indirectamente o ensino concertado, xa que pode supor que ao non haber prazas no ensino público o alumnado sexa obrigado a matricularse en centros concertados. A transformación de sete centros en Centros Integrados de Formación Profesional vaise traducir na supresión das ensinanzas da ESO e do Bacharelato nos centros afectados, por tanto, a supresión dos postos de traballo do profesorado que terá que ser desprazado a outro centro, e a supresión das prazas escolares, co cambio forzoso do alumnado que terá que escolarizarse en centros máis distantes, cunha intencionalidade de ir suprimindo unidades públicas nas localidades afectadas, mentres se manteñen e incrementan as concertadas.

Segundo os cálculos da CIG-Ensino estamos falando de suprimir 46 unidades da ESO, é dicir máis de 138 profesores e profesoras e máis de 1380 postos escolares. Suprimiríanse tamén máis de 24 unidades de Bacharelato, o que se pode traducir en máis de 72 profesores suprimidos e máis de 720 alumnos e alumnas sen praza. É dicir, suprímense un total de 70 unidades co conseguinte desprazamento de 210 profesores e profesoras e a desaparición de máis de 2100 postos escolares públicos. A maiores destas supresións de alumnos e alumnas escolarizados a día de hoxe nos centros están as supresións das reservas de matrícula, que poderían superar os 700 alumnos e alumnas inscritos.

Unha vez máis o Director Xeral de Formación Profesional fixo alarde do seu desprezo aos representantes do profesorado. Desde hai máis de dous meses négase a responder na Mesa Sectorial ás preguntas formuladas pola CIG-Ensino, que tamén presentou un escrito reclamando aclaración e información sobre este tema o día 18 de maio. Hoxe a Consellaría fixo pública a creación destes centros, “vendendo” que isto vai dar lugar á creación de máis de 1100 prazas de FP, o que é falso, e ocultando a supresión das ensinanzas que, como vimos, van supor a perda de unidades educativas en cidades como Ferrol, Ourense, Vigo, Pontevedra, Lugo, A Coruña e Ribeira, o desprazamento forzoso de máis dous mil alumnos e alumnas e a masificación dos centros receptores do alumando.

É moi grave que a Consellaría faga o anuncio para a prensa, antes de levar o tema á Mesa Sectorial onde se debería debater a creación destes centros, a situación do profesorado e do alumnado.

Acaban de convocarnos para tratar este tema na Mesa Sectorial do venres día 10, a CIG-Ensino vai solicitar a retirada da creación destes centros e que se abra un proceso de negociación, información e contraste co obxecto de fixar unha oferta de Formación Profesional, Bacharelato e ESO co consenso necesario.

A CIG-Ensino iniciará unha campaña de asembleas nestes centros e estudará co profesorado a convocatoria das mobilizacións pertinentes.

Podes ler na seguinte ligazón o Borrador do Decreto ..../2011,do …de xuño, polo que se transforman institutos de educación secundaria en centros integrados de formación profesional, se fusionan centros educativos e se cambian ensinanzas.

 

Volver