A CIG-Ensino denuncia que a Consellaría impuxo a realización da Mesa Sectorial para este luns, día 24, co obxecto de ocultar o referendo do día 25, ao mesmo tempo que pretende obstaculizar a súa realización

Referendo 25 de outubro

A CIG-Ensino ten que denunciar a imposición da realización da Mesa Sectorial para este luns día 24, ás 18:00 horas. Esta imposición unilateral da data de realización da Mesa é máis grave se temos en conta que como norma a Mesa reúnese os xoves en sesións de mañá. Racha, pois, frontalmente co proceder habitual neste órgano de representación e faino intencionadamente na véspera dunha importante mobilización do profesorado.

Habitualmente aténdense as peticións de aprazamento que calquera organizacións sindical faga, independentemente da súa representación, se na data fixada non pode asistir. Mais, nesta ocasión, non se atendeu a demanda da maioría sindical que lle reclamou que a Mesa Sectorial non se realizase este luns.

A CIG-Ensino afirma que o único motivo que ten a Consellaría para impor esta convocatoria é única e exclusivamente a pretensión de ocultar a realización e o resultado do referendo do día 25 que presume que lle será contrario. A isto hai que sumarlle os obstáculos e a presión a que se están sometendo os centros, por parte da inspección educativa,  para impedir que se realice o referendo. Hai que dicir que no relativo ao funcionamento das Mesas Sectoriais non só se acorda a data de realización, senón que nunca se inician a horas tan avanzadas, porque, entre outras cuestións, unha mesa como a que se pretende realizar pode durar catro horas, sendo o horario normal da súa convocatoria as 10:30h. ou 11:00 horas.

A CIG-Ensino manifestará a súa repulsa a este proceder da Consellaría na mesma Mesa Sectorial e aclararalle que as súas torpes manobras non pasarán inadvertidas para o profesorado, nin lle impedirán realizar e participar no referendo. Ben ao contrario, avivará o desexo do profesorado de trasladarlle a súa opinión, de manifestarlle a súa oposición a unha política educativa de imposicións aos traballadores/as, de recortes no ensino público, de favoritismo coa privada e de desprezo continuado por un servizo que o profesorado e a comunidade educativa están a defender na rúa, reclamando que se deteñan os recortes.

25 de outubro, referendo do profesorado

Mañá, 25 de outubro, 30.000 docentes están chamados a participar nun referendo que ten por obxecto demostrar o profundo e extenso rexeitamento ás medidas impostas pola Consellaría de Educación. Ao longo destes días, a CIG-Ensino comprobou a boa recepción á proposta e a boa organización dos centros que se están preparando para realizar este referendo e demostrarlle ao Conselleiro que cando días atrás falou de normalidade no inicio do curso, mentía, e que cando insiste en dicir que a maioría do profesorado está de acordo coas medidas adoptadas, volve mentir.

Volver