A CIG Ensino denuncia que a Consellaría de Educación ten decidido non cubrir vacantes do profesorado desde hoxe

Anuncia que non as cubrirá até despois de Semana Santa

A CIG-Ensino esixe a inmediata cobertura de todas as baixas que se produzan para garantir que todo o alumnado teña aulas das materias afectadas pola baixa laboral do seu profesorado

A Consellaría de Educación continúa coa política de non cubrir as baixas do profesorado que se producen en días anteriores a períodos non lectivos. Desde hoxe, a Consellaría ten decidido non cubrir as baixas que se produzan hoxe, 28 de marzo, até o 18 de abril. Isto supón que durante oito días lectivos o alumnado quedará sen clase da materia que imparte o seu profesor ou profesora que pasa a estar de baixa laboral. 

Con este proceder a Consellaría está conculcando un dereito fundamental como é o dereito á educación, xa que impide que o alumnado poida recibir aulas durante 8 días lectivos, cuestión que se agrava se as baixas se producen no profesorado que imparte 2ª de Bacharelato, dado que o curso se acurta por motivos das probas de acceso á universidade.

Unha vez máis, comprobamos que a Consellaría se guía exclusivamente por criterios economicistas, chegando a non cubrir, sequera, as baixas de longa duración, agardando  a que pase semana santa  para cubrilas.

O PP continúa sen ningún escrúpulo coa política educativa de recortes permanentes, con graves repercusións na organización dos centros e na calidade do ensino.

Este deterioro do ensino público contrasta co desvío de dedica cantidades inxentes de diñeiro ao ensino privado concertado

Volver