A CIG-Ensino denuncia que a Consellaría de Educación non está a substituír o profesorado con dereito a permiso electoral

Ademais varios centros levan máis dunha semana sen o profesorado substituto necesario, e nalgúns casos non o recibirán. A Consellaría borra da web moitas peticións nun intento de ocultar a súa neglixencia.

A CIG-Ensino esixe a cobertura urxente de todas as vacantes, nomeadamente todas as producidas por permiso electoral, así como as que levan desde o mes de outubro sen seren cubertas.

A CIG-Ensino denuncia que a Consellaría de Educación non está a cubrir as vacantes do profesorado candidato nas eleccións xerais, que de acordo co artigo 13.5 do Real Decreto 605/1999, de 16 de abril, de regulación complementaria dos procesos electorais, ten dereito a gozar dun permiso até o día 21 de novembro. Esta neglixencia da Consellaría de Educación pode ser entendida como un intento indirecto de conculcar o dereito das candidatas e candidatos, pois a non substitución deste profesorado pode dar lugar a que moitas destas persoas acaben por renunciar ao seu dereito ante a hipótese de que o seu alumnado non conte co especialista correspondente, como xa sucedeu durante as eleccións municipais. 

  A CIG-Ensino ten coñecemento de 13 prazas que foron reclamadas á Consellaría para substituír a un candidato ou candidata ás eleccións. Pois ben, nesta mañá non se cubrira ningunha desas 13 prazas, das que xa se tiña coñecemento con antelación suficiente. Nalgúns casos se lle respondeu aos centros que efectivamente non a ían cubrir, mais noutros casos afirmaron que si se substituiría, mentindo descaradamente e facendo desaparecer a vacante da web a continuación. Todas elas foron borradas da web, como se fosen adxudicadas. Este alumnado estará sen profesor ou profesora até o 21 de novembro.

 Ademais, este venres 4 de novembro, ás 11:00 da mañá, eran 111 as prazas sen cubrir na web da Consellaría, sen ser este o número real, pois xa se borraran da web 9 peticións por permiso electoral. Desas 111 prazas, 3 levaban máis de 14 días sen profesor, sendo nos tres casos vacantes dun mes de duración ou máis. Nove foron comunicadas polos centros na semana do 24 de outubro e todas elas seguían sen estar cubertas este venres 4. Antes do 1 de novembro, 19 centros non contaban aínda cos respectivos substitutos ou substitutas do profesorado de baixa, levando nese momento nalgúns casos máis dunha semana sen substitución. Estas 19 baixas eran todas elas de duración superior a quince días, e 9 delas prolongaranse máis alá do día 20 de novembro. Antes das 13:30 horas de hoxe, destas 19 baixas 6 seguían sen ser cubertas, e 4 delas foron borradas da web: unha de matemáticas até o 12 de novembro, outra de Pedagoxía Terapéutica até o 24 de novembro, outra de inglés até o 8 de novembro e outra de latín até o 15 de novembro. 

Para a CIG-Ensino estes datos que estamos denunciando poñen en evidencia a mala xestión da Consellaría e a súa despreocupación pola boa marcha do ensino público, ademais do seu profundo talante antidemocrático. É unha falta de respecto para o profesorado que ten que ser substituído, para o alumnado e os seus pais e para tantas persoas demandantes de emprego que día a día seguen a web e comproban con estupefacción como desaparecen prazas que deben ser substituídas sen que se contrate a ninguén.

CENTRO

ESPECIALIDADE

CEIP Anexa I, Lugo

Música

CEIP Arealonga, Vilagarcía

Primaria

CEIP Carlos Casares, Xinzo de Limia

Primaria

CEIP Centieiras, Fene

Infantil

CEIP n. 1, Melide

Primaria

CEIP Otero Pedraio, A Laracha

Inglés

CEIP Roberto Blanco Torres, A Peroxa

Infantil

CPI Suárez Marquier, O Rosal

Música

IES Mendiño, Redondela

Física e Química

IES Perdouro, Burela

Equipos electrónicos de consumo

IES Perdouro, Burela

Matemáticas

IES Porta da Auga, Ribadeo

Lingua galega

IES de Celanova 

Lingua castelá

Volver