A CIG Ensino denuncia que a Consellaría de Educación mantén os concertos aos centros que segregan por sexo
A Consellaría de Educación segue a aplicar a LOMCE en toda a súa crueza contra o Ensino Público Galego
Hoxe 21 de agosto, como en anos anteriores en pleno período vacacional coa intención de que pase desapercibida para a sociedade galega, o DOG publica a ORDE do 10 de agosto de 2017 pola que se aproban os concertos educativos cos centros docentes privados de educación infantil, educación primaria, educación secundaria obrigatoria, educación especial, e de formación profesional.
Nesta orde aplicase á LOMCE en toda a súa crueza contra o ensino público galego, xa que a máis de manter os concertos aos centros que segregan por cuestión de xénero fixa a duración dos concertos en seis anos, cando isto só é preceptivo para a o ensino primario, é dicir, o goberno do Partido Popular na Xunta de Galiza, vai máis alá da LOMCE na defensa do Ensino Concertado.
En contraposición a este crecemento do ensino privado concertado temos que a mesma consellaría practica un recorte sistemático, inxustificado e inaceptábel no ensino público, suprimindo centros, unidades e profesorado.
O mantemento dos concertos aos centros educativos que segregan ao alumnado por razón de xénero (CPR Aloia, CPR Las Acacias, CPR Montecastelo, CPR Montespiño e CPR Peñarredonda) convértese na demostración de que este goberno do PP está disposto a favorecer a determinado tipo de centros, publicamente vinculados co Opus Dei. Recordamos que estes concertos mantivéronse de forma contraria á lei no seu momento.
A CIG-Ensino considera totalmente inaceptábel e un insulto á sociedade galega esta privatización do ensino e denuncia a intención permanente desta Consellaría de favorecer as patronais do ensino privado.
ORDE do 10 de agosto de 2017 pola que se aproban os concertos educativos cos centros docentes privados de educación infantil, educación primaria, educación secundaria obrigatoria, educación especial, e de formación profesional. Ligazón