A CIG-Ensino denuncia que a Consellaría de Educación incrementa con unha extra de 220.000 € as subvencións a 66 centros privados

Convocatoria de axudas a centros privados concertados

A Consellaría de Educación publicou hoxe no DOG a Orde do 24 de agosto de 2011 pola que se resolve a convocatoria de axudas a centros privados concertados para a atención ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo. Con esta orde a Consellaría subvenciona a 66 centros privados concertados, 63 de educación Infantil, Primaria e, ou Secundaria e 3 de FP, con diferentes contías que deben ir destinadas a atender o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo, “naqueles aspectos que non estiveran xa cubertos polo correspondente concerto educativo”. É dicir, trátase dunha subvención extra, por enriba do propio concerto que teñen establecidos estes centros, ningún deles de Educación Especial.

Estas subvencións permítelles a estes centros prestar servizos e contratar persoal que os centros públicos, nin sequera os de Educación Especial, poden prestar ou contratar.

Con estas subvención estes 66 centros privados van poder contratar persoal complementario co que nunca poden contar os centros públicos: logopeda, fisioterapeuta, axudante técnico educativo, traballadores sociais ou intérprete de linguaxe de signos.

Ademais, tamén a diferenza dos centros públicos, poderán facer fronte con esta subvención a reparacións e mantemento da adaptación das instalacións, ou á adquisición de material específico.

A subvención destinada a estes centros ascende a 218.414 €, máis de 36 millóns das antigas pesetas, sendo 209.298,80 € para os centros de Primaria e Secundaria e 9.115,46 € para os de FP.

Para a CIG-Ensino que a Consellaría de Educación publique este tipo de subvecións que veñen incrementar os fondos destinados ao ensino privado é unha provocación e un escándalo ante os continuos recortes que está a sufrir o ensino público.

Volver