A CIG Ensino denuncia que a Consellaría de Educación desenténdese do profesorado, empregando diñeiro público nun convenio cunha empresa privada para unha función que lle corresponde á administración

A Consellaría de Educación búrlase do profesorado

A CIG Ensino denuncia que continúa o ciclón privatizador. Despois de denunciar o inicio da privatización das escolas infantís, a primeira vez que se pon en mans privadas a xestión dun servizo educativo público o que supón un feito dunha enorme gravidade, hoxe, 19 de xaneiro temos que denunciar que se pon en mans privadas, nada menos que a atención ao profesorado que lle corresponde á Consellaría.

Non se pode entender doutra maneira o feito acabado de anunciar de que todas as consultas relativas á “información, protección e defensa das continxencias que puideran xurdir no desenvolvemento do seu labor profesional”, tal e como se indica na carta remitida a cada un dos docentes polo Conselleiro, sexan postas en mans dunha empresa privada, que vai atender o profesorado seguindo os criterios de conveniencia mercantil que maiores réditos lle produza.

Deste xeito, a Consellaría abandona o profesorado e deixa de facerse cargo dunha función que só a ela pode corresponderlle. Unha función que nunca debe estar mediatizada por criterios de rendibilidade económica, senón que debe centrarse no asesoramento e boa resolución dos conflitos presentados. 

A Consellaría, ademais, engana o profesorado, pois na comunicación enviada a cada un de nós persoalmente se nos asegura que “O seguro inclúe tamén unha asistencia xurídica telefónica sobre cuestións de carácter laboral; realización e revisión de documentos legais e asistencia persoal en despachos de avogados, se fose preciso pola natureza da consulta” o que logo se nega na información difundida pola Consellaría onde se di que non se atenderán as consultas que supoñan conflito de intereses entre a Xunta e o profesorado, que son a maioría.

O que non di tampouco a Consellaría nos medios de comunicación é que tamén queda excluída a defensa da responsabilidade civil, algo que só se descubre se imos á páxina web da Consellaría e despregamos cada unha das pestanas (http://www.edu.xunta.es/web/node/3823 ).

Unha vez máis, Jesús Vázquez acode á propaganda para saír nos medios de comunicación e non ten reparos en ocultar información, pretendendo vender, como unha gran medida de asesoramento ao profesorado, o que non é máis ca un engano mediante o cal a Consellaría se desentende do profesorado e privatiza un servizo que debe dar a propia Administración. 

Volver