A CIG-Ensino denuncia que a Consellaría de Educación aproveita as datas de verán para recortar unidades educativas e postos de traballo no Ensino Público

A CIG-Ensino ten que denunciar que a Consellaría de Educación emprega, unha vez máis, as datas de verán, este venres de mediados de xullo, para recortar unidades e postos de traballo no Ensino Público

A CIG-Ensino ten que denunciar que a Consellaría de Educación emprega, unha vez máis, as datas de verán, este venres de mediados de xullo, para recortar unidades e postos de traballo no Ensino Público. A CIG-Ensino vén de realizar un estudo de urxencia sobre o catálogo publicado hoxe pola Consellaría.

Os datos que resultan deste estudo son que a Consellaría suprime:

- 13 escolas unitarias

- 5 unidades e postos de traballo nos Centros Rurais Agrupados

- 66 unidades e 115 postos de traballo en Centros de Educación Infantil e Primaria, sendo destas 66 unidades 30 de Educación Infantil e 36 de Educación Primaria.


En definitiva, a Consellaría elimina 84 unidades e 133 postos de traballo. Fronte a isto, as unidades creadas son só 16 e os postos aos que dan lugar non pasa de 32.


Cabe sinalar que dos 133 postos suprimidos, 10 son de departamentos de orientación, o que significa que 10 centros perden os seus Orientadores a tempo completo. Ademais suprímense tamén 16 postos de Orientadores compartidos. É dicir, 26 centros empeoran a súa dotación para atender as necesidades educativas específicas. A isto aínda hai que engadir a supresión doutros 9 postos de Pedagoxía Terapéutica e Audición e linguaxe.


Estas cifras súmanse ás de anos anteriores resultando que, en cinco anos, a Consellaría de Educación leva suprimidas 59 escolas e 398 unidades. Todo isto mentres se manteñen ou incrementan os orzamentos destinados á privada.


En conclusión, a Consellaría segue adiante coa política de desmantelamento do ensino público, antepoñendo os criterios economicistas á calidade da educación. Un desmantelamento que incide especialmente na atención ás necesidade educativas específicas e que vai redundar na masificación das aulas debido ao incremento das rateos e a imposibilidade de realizar desdobres.


A Consellaría de Educación segue sen atender as demandas e necesidades dos centros, e sen potenciar a orientación, un elemento básico para incidir na redución do fracaso escolar.


Volver