A CIG-Ensino denuncia que a consellaría de educación aínda non lle ingresou o anticipo estipulado aos equipos de normalización dos centros educativos

A demora e de deixación da Consellaría de educación dificulta o desenvolvemento das actividades de normalización aprobadas polos centros

A día de hoxe, mediado o mes de marzo e cando está a piques de finalizar o segundo trimestre, a Secretaría Xeral de Política Lingüística aínda non lle ingresou aos centros o anticipo fixado na orde de convocatoria para o desenvolvemento dos proxectos de normalización aprobados para este ano nos centros educativos.

A orde de convocatoria de axudas ao fomento de actividades de normalización nos centros públicos establece no seu artigo 15 que os centros poderán percibir un anticipo a conta dun 25% da axuda concedida “con cargo á partida orzamentaria prevista para o ano 2010 e co obxecto de facilitar o desenvolvemento do programa”. Para isto todos os centros tiñan que presentar antes do 15 de novembro de 2010 as facturas correspondentes ao último cuadrimestre de 2010, trámite seguido por todos os centros que, mentres tanto, adiantan diñeiro correspondente a outras partidas orzamentarias para cumprir o marcado na convocatoria.

Estamos falando de contías que oscilan entre os 500 € dos centros que obtiveron a máxima puntuación, e os 125 euros dos centros con matrícula comprendida entre 25 e 50 alumnos e os 87 € dos centros con matrícula inferior a 25 alumnos e alumnas.

Non hai explicación para que unha cantidade que corresponde a un orzamento rematado, o do ano 2010, para o que deberon realizar a xustificación antes do 15 de novembro, siga sen ser executado a día de hoxe o que conleva dificultades económicas para os centros que xa sofren os recortes no global das partidas orzamentarias e que polo tanto teñen máis dificultades cada vez para adiantar o diñeiro das actividades que aprobaron no seu proxecto curricular.

A CIG- Ensino denuncia que Educación e a Secretaría Xeral de Política Lingüística, en contra do que cabería agardar, non están pola promoción do noso idioma, senón por poñer cada vez máis atrancos. A CIG-Ensino dirixirase por escrito á Secretaría Xeral de Política Lingüística para esixirlle que lle aboe aos centros estes anticipos a conta con carácter de urxencia, pois do contrario póñense en perigo as actividades de normalización aprobadas.

Volver