A CIG-Ensino denuncia que a Consellaría aproveita o verán para pechar centros e recortar aulas e postos de traballo no Ensino Público
A Consellaría pecha 6 unitarias e suprime 100 postos de traballo que se engaden aos 31 provocados polos recentes peches e traslados de ensinanzas
A mércores 26 de xullo, en pleno verán, a Consellaría de Educación volve recortar unidades e postos de traballo, incidindo un ano máis no que ven sendo unha práctica habitual do goberno galego.
Logo dun estudo realizado pola CIG-Ensino sobre a ORDE do 6 de xullo de 2017 pola que se modifican as unidades e os postos de traballo docentes dos centros públicos dependentes desta consellería nos niveis de educación infantil, educación primaria e educación especial, publicada hoxe 26 de xullo, atopámonos con que a Consellaría suprime:
- 6 Escolas unitarias.
- 6 unidades e 9 postos de traballo nos Centros Rurais Agrupados.
- 58 unidades e 91 postos de traballo en Centros de Educación Infantil e Primaria, sendo destas unidades 33 de primaria e 36 de infantil.
As cifras de peche de aulas e de redución de postos de traballo non se ven para nada compensadas polo escasos incrementos de postos de traballo que tamén se inclúen na orde que actualiza os cadros de persoal dos colexios galego. Así créanse un total de 30 unidades que implican 57 novos postos de traballo. Na realidade estes postos e aulas non van supoñer ningún incremento no total de persoal docente en activo, xa que se trata de postos que xa estaban operativos e que agora se oficializa no DOG a súa creación aos efectos de seren ofertados no próximo concurso de traslados.
En definitiva, o saldo final das modificacións introducidas pola Consellaría supón a eliminación de 39 unidades e 53 postos de traballo. A este recorte anunciado hoxe hai que sumar o recorte de 31 postos de traballo realizado nos Concellos de Outes, As Pontes, O Porriño e Ribadavia do que xa dimos conta o 18 de xullo.
A estas cifras engádense ás de anos anteriores resultando que, en seis anos, a Consellaría de Educación leva suprimidas 64 escolas e 437 unidades. Todo isto mentres se manteñen ou incrementan os orzamentos destinados ao ensino privado.
En conclusión, a Consellaría segue adiante coa política de desmantelamento do ensino público, antepoñendo os criterios economicistas á calidade da educación. Un desmantelamento que incide especialmente na atención ás necesidade educativas específicas e que vai redundar na masificación das aulas debido ao incremento das rateos e a imposibilidade de realizar desdobres, así como á redución de oferta de aulas e de profesorado no medio rural, provocando que se agrupe a un maior número de alumnado de diferentes niveis e mesmo etapas educativas.
ANEXO
DISTRIBUCIÓN DOS RECORTE E INCREMENTOS POR PROVINCIAS
PROVINCIAS |
UNIDADES SUPRIMIDAS |
POSTOS SUPRIMIDAS |
UNIDADES CREADAS |
POSTOS CREADOS |
A CORUÑA |
26 |
41 |
7 |
13 |
LUGO |
5 |
8 |
9 |
16 |
OURENSE |
6 |
5 |
7 |
13 |
PONTEVEDRA |
32 |
46 |
7 |
15 |
GALIZA |
69 |
100 |
30 |
57 |
Nota: Nestas cifras non se inclúen os efectos dos peches dos centros afectados polo peche e traslados de ensinanzas, cos que o incremento de postos de traballo suprimidos se eleva a 131.