A CIG-Ensino denuncia que a autorización dos centros plurilingües se fai en detrimento do ensino en lingua galega

A CIG-Ensino continúa exixindo a derrogación do Decreto 79 de Plurilingüismo e a aprobación doutra nova orde que promova a normalización no ensino

Vénse de publicar a orde da relación de centros plurilingües para este curso 2015/2016 e nela pódese comprobar o que xa ten denunciado a CIG-Ensino en reiteradas ocasións: o Decreto 79 para o Plurilingüismo foi ideado coa perversa intención de reducir a presenza do noso idioma, e a dita orde pon xustamente isto en evidencia.

A CIG-Ensino vén denunciando que este Decreto é realmente un subterfuxio para reducir a xa cativa presenza do noso idioma nas aulas. Hoxe por hoxe é unha evidencia, e aí están os resultados da evolución do uso da lingua galega. Nin sequera se cumpren os mínimos recollidos no Decreto e a nosa lingua non ten a presenza necesaria para se manter en condicións aceptábeis. A Consellaría, lonxe de procurar mecanismos que axuden a inverter a situación, aplica o Decreto aínda máis restritivamente do que o propio Decreto estabelece.



O Decreto 79 reduce a presenza da nosa lingua a un terzo do horario a través da imposición do inglés, nunha falaz artimaña que en ningún caso redunda nunha mellor aprendizaxe da lingua estranxeira, pois non se aplica a ferramenta fundamental para a súa adquisición que é a redución de alumnado por aula. Pois ben, non contentos con esta situación, a Consellaría autoriza que a materia impartida en lingua estranxeira sexa unha das materias de obrigada impartición en galego, sen esixir o cumprimento do que se recolle no Decreto a este respecto, que dispón que se poida impartir outra materia en lingua galega, a fin de restituír a proporción dun terzo para a nosa lingua, tal e como puido comprobar a CIG-Ensino.

Nesta tesitura, comprobamos que o 18% dos centros plurilingües que se autorizan para este curso, todos eles privados agás un público, escollen como materia para impartir en lingua estranxeira unha materia de obrigada impartición en galego. Fronte a isto, soamente un centro propón como materia para impartir en lingua estranxeira, unha das de obrigada impartición en castelán. E isto nunha convocatoria na que resultan beneficiados maioritariamente os centros privados, pois aínda sendo moitos menos cós centros públicos, representan nesta orde o 51% dos centros admitidos.

Estas son novos motivos para que a CIG-Ensino continúe exixindo a derrogación do Decreto 79 de Plurilingüismo e a aprobación doutra nova orde que promova a normalización no ensino, que pasa polo ensino en galego.

Volver