A CIG-Ensino denuncia outro intento de censura por parte da Consellaría neste caso no IES de Melide
A inspección educativa ordenou retirar das redes sociais do centro un decálogo elaborado polo profesorado no que se informa das consecuencias dos recortes e que está impreso nas paredes do instituto, como moito material semellante noutros centros galegos.
En concreto neste centro tiveron que refacer os horarios unha vez xa comezado o curso ao non concederlles un docente de inglés co que contaban e agora ven como se amortizan tres prazas no Concurso de Traslados polo que é imposíbel manter unha mínima calidade na oferta educativa e a atención ao alumnado con máis dificultades.
A Consellaría de Educación segue a acosar e a perseguir ao profesorado galego en lugar de poñer os medios e recursos necesarios para o correcto funcionamento dos centros. O último exemplo vímolo a semana pasada cando a inspección educativa ordenou retirar das redes sociais do IES de Melide un decálogo que fora elaborado polo profesorado do centro no que se poñían en evidencia as consecuencias dos recortes que vén padecendo este instituto este curso e que se prevé que continúen o próximo. Sorprende a actuación da Consellaría de Educación cando este mesmo material no seu formato físico está pendurado das paredes do centro, ao igual que moitas outras faixas e cartaces semellantes noutros colexios e institutos galegos. Tamén sorprende esta actuación porque moitos outros edificios públicos, da Xunta ou do SERGAS, como centros de saúde, PACs e hospitais, están nestes intres ateigados de mensaxes reivindicativas sobre as demandas do seu persoal e a defensa dos servizos públicos.
Mais como a liberdade de expresión é algo que especialmente lle molesta á Consellaría que dirixe Román Rodríguez, quen cómpre lembrar que mantén no cargo tanto ao subdirector xeral da Inspección Educativa como ao delegado territorial da Coruña cuestionados polos seus posicionamentos ultras, a CIG-Ensino denuncia de novo publicamente estas manobras para censurar e intentar calar a desconformidade do profesorado galego coas súas políticas. No caso do IES de Melide, especialmente afectado polos recortes, a comezos de curso houbo que refacer os horarios ao non contar cun docente de inglés e agora ven como se amortizaron tres vacantes de Latín, Lingua e Literatura Galega e Xeografía Historia de cara ao próximo curso.
O contido do decálogo elaborado polo persoal docente non vén máis que a informar a toda a comunidade educativa e sociedade en xeral das consecuencias que teñen estes recortes de persoal, como ben indica o texto, na estabilidade do claustro, no mantemento de proxectos educativos como Erasmus +, PIE, Proxecta ou Innova-Lab, na oferta formativa, de materias optativas e de itinerarios no Bacharelato, no incremento das ratios tanto por aula como por docente e, sobre todo, na atención á diversidade e á convivencia.
Desde a CIG-Ensino animamos ao profesorado deste centro e de todos os centros a continuar visibilizando os efectos que teñen os recortes de persoal na calidade do sistema educativo e denunciaremos por todas as vías posíbeis calquera intento de persecución ou amedrentamento do persoal docente.
Novas relacionadas

