A CIG-Ensino denuncia outra agresión máis ao ensino público co peche da unidade de primaria da Escola de Verducido

De igual forma manifesta o seu apoio á denuncia presentada polos pais

Volveuse dar unha nova agresión ao ensino público, e á escola rural, por parte da consellería de educación co peche da unidade de primaria de Escola de verducido.
A CIG Ensino denuncia publicamente o ataque continuo da conselleria de educación ao ensino público que chega a extremos como o da escola de Verducido. Unha escola na que son os propios pais e nais os que teñen que presentar  denuncia no xulgado contra quen os tería que protexer que é a propia administración.
Un peche contra a vontade de todos os colectivos sociais da parroquia , asociacións, pais e nais, veciños... que non dubidaron en apoiar a súa escola, mesmo con concentracións e manifestacións. 
Un peche da unidade de primaria dun centro cun proxecto modélico, innovador e integrador. Pero á inspección educativa e á Xefatura territorial de Educación non lles treme a man, fan as súas contas e miran para outro lado.
Ao final a visión economicista da Consellería de Educación fai que todo se reduza a números, a diñeiro. E o ensino non é un gasto, é unha inversión.
Efectivamente, tal e como di a consellaría é un aula habilitada, pero desde hai moitos anos, pola presenza e a integración da escola na parroquia. Alegan que hai poucos alumnos nun momento no que o covid nos está a facer repensar todo, e hai que ver que a opción para ese alumnado será desprazarse, coller un bus, ir a outro centro máis numeroso.... exactamente o contrario das recomedacións sanitarias que se están a dar neste momento.
Non é de recibo que non se comunique ao alumnado matriculado que non vai ter aulas na escola o curso que ven, e que se teña que enteirar ao chegar ao centro. Desde a CIG-Ensino manifestamos o apoio a toda a comunidade educativa e instamos á Xefatura Teritorial de Educación a nomear un mestre para esa unidade.

Volver