A CIG-Ensino denuncia o xerente do San Xerome na Inspección por impedir que os delegados/as de persoal realicen as súas funcións

A central nacionalista non descarta acudir ao Xulgado ao entender que se trata dun caso de vulneración de dereitos fundamentais

Segundo lembran dende a central nacionalista, os delegados/as de persoal teñen recoñecido por lei o dereito a un crédito horario mensual para o exercicio das súas funcións, un dereito que non está supeditado ao criterio da empresa e que simplemente debe de ser comunicado con antelación.

Pois ben, a pesar de ter comunicado a utilización das horas sindicais, mesmo con 72 horas de antelación, o xerente impediu que os tres delegados/as usasen as horas sindicais o pasado 14 de xaneiro alegando que non recibira a comunicación, cando esta central sindical ten no seu poder e lle fixo chegar á Inspección o documento que confirma a recepción da comunicación.

A CIG-Ensino denuncia esta actitude do xerente, “que pretende así impedir o exercicio da liberdade sindical”. Fronte a isto, a central nacionalista tentou evitar que o xerente incumprise a lei e realizou as xestións necesarias para que esta situación non se producise, mais o xerente teimou na súa postura. “Nesta situación a CIG-Ensino terá que presentar denuncia por vulneración de dereitos fundamentais no Xulgado, pois iso é o que está vulnerando ao impedir coller as horas sindicais”.

Finalmente, indican que a propia Asociación que xestiona o centro correo risco de ser sancionada economicamente por mor desta actitude do xerente, quen admitiu ante a Inspección de Traballo que aceptaría a sanción se se producía. “Ante isto temos que preguntarnos cal é a xestión dos recursos que se fai no San Xerome Emiliani, onde foron despedidas catro persoas segundo o centro por motivos económicos, mais como dixemos no seu día, non eran estes os motivos reais, e vémolo agora cando parece que non hai ningún problema por afrontar sancións económicas por incumprir a lei”.

Volver