A CIG-Ensino denuncia o uso de publicidade neofascista nunha charla do “Plan Director para a convivencia e mellora da seguridade nos centros educativos”
O sindicato aféalle á Consellaría de Educación que non lle preocupe a “neutralidade ideolóxica” cando se trata de ideas ultradereitistas e que xeran problemas de convivencia social e educativa.
Vimos asistindo nos últimos tempos a tendencias perigosas relacionadas coa ideoloxía de ultradereita que se normalizan e consolidan nas aulas dos centros educativos galegos. Hai tempo que o profesorado vén detectando que a mocidade manifesta comportamentos relacionados cun ideario racista, antifeminista ou homófobo, todo aderezado de discursos sustentados no odio de clase, etnia ou de xénero. Este contexto dentro das aulas impide o normal desenvolvemento do proceso de ensino-aprendizaxe e supón unha preocupación crecente do persoal docente que ve incrementados os problemas de convivencia dunha forma exponencial nos últimos anos.
Dentro deste contexto a CIG-Ensino foi coñecedora de que os encargados de impartir unha charla dentro do Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade nos Centros Educativos e das súas Contornas, iniciativa dos Ministerios de Educación e de Interior, aproveitaron para trasladar contidos relacionados con ideoloxía de ultradereita a semana pasada en centros educativos de Ourense. O feito denunciado é de tremenda gravidade, dado que estas actividades se equiparan á docencia e, neste caso, o “material didáctico” empregado polos membros da Policía Nacional diante de alumnado menor de idade foi publicidade do partido ultradereitista VOX.
É absolutamente grave e incomprensible que alumnado dos centros educativos galegos estea recibindo mensaxes de ideoloxía neofascista, mencionándose de forma expresa un partido político de ultradereita que a nivel estatal está dando a batalla cultural pola hexemonía ideolóxica, intentando condicionar o a axenda mediática e política e adoptando para conseguilo estratexias de provocación constante a través de fake news como as que a semana pasada se expoñían nun IES a alumnado de 3º e 4º da ESO.
Ante a exposición deste cartaz, o persoal da Policía nacional procedeu a explicar ao alumnado que isto é liberdade de expresióne non un delito de odio como se chegou a dicir no momento en que apareceu esta publicidade. Non se lle explicou á rapazada que esta imaxe tivo que levarse á Fiscalía para dirimir se era unha cousa ou a outra pola súa, cando menos, “tendenciosidade”. Por suposto tampouco se contrastaron que os datos mencionados no cartaz (neste 2026 a pensión no contributiva está fixada en 628,80 euros mentres que un menor non acompañado non recibe asignación económica directa e é moi difícil cuantificar o investimento realizado na súa manutención) sexan reais, nunha estratexia de manipulación e de desinformación á que o profesorado galego tamén está acostumado e que ten que contrarrestar diariamente nas aulas filtrando o que é propaganda do que son fontes oficiais de información.
Cómpre lembrar que o Plan Director é unha iniciativa dos Ministerios de Educación e Interior, implementada pola Policía Nacional e a Garda Civil, “para previr riscos e mellorar a seguridade escolar, en temas como o ciberacoso, violencia de xénero, drogas, racismo e riscos tecnolóxicos, e para promover valores de convivencia, igualdade e respecto”, algo que claramente se incumpriu no feito denunciado.
A Xunta e a súa “neutralidade ideolóxica”
Asistimos pois á presenza da extrema dereita 2.0 dentro das aulas ante a pasividade da Consellaría de Educación, que si se preocupa de censurar a actividade docente de quen si está lexitimado e formado para traballar co alumnado.
Lembremos a preocupación da Consellería de Educación pola neutralidade ideolóxica das actividades educativas. En xuño de 2025 publicábanse unhas instrucións para os centros educativos advertindo que as actividades complementarias debían “apostar pola neutralidade ideolóxica como base da pluralidade e do respecto ás liberdades individuais”. A propia directora xeral de Innovación Educativa manifestaba naquel momento que “deste xeito favorécese a transmisión de valores constitucionais, a promoción do pensamento crítico entre o alumnado e que se informe obxectivamente e de maneira imparcial sobre o pluralismo social”. A CIG-Ensino pediu a dimisión do máximo responsábel da Inspección Educativa nomeado polo conselleiro Román Rodríguez polas súas conviccións puramente reaccionarias, ultraespañolistas, contrarias ao marco autonómico actual e do que depende a publicación destas instrucións.
A fiscalización do traballo do profesorado, censura e desconfianza amosada de forma contundente por parte da Consellería parece que non é aplicable aos discursos neofascistas aos que se lle dá entrada nos centros educativos de titularidade pública e privada, nestes últimos financiando a segregación do alumnado por xénero até que unha sentenza obrigou a suspenderlles o concerto a raíz dunha denuncia da CIG-Ensino.
Novas relacionadas

