A CIG-Ensino denuncia o recorte de servizos de Adeslas para o persoal mutualista de Muface

Demóstrase que as aseguradoras só teñen ánimo de lucro e que chantaxearon á administración pública para lograr un maior rédito económico

Ao través de denuncias feitas pola afiliación, a CIG-Ensino foi coñecedora do recorte de servizos na provincia de A Coruña por parte de Adeslas na atención hospitalaria da provincia para o persoal mutualista de Muface.

Concretamente, e como exemplo, a segunda cidade da provincia en canto a poboación, Santiago de Compostela, queda sen Urxencias Hospitalarias, tendo que desprazarse a cidade de A Coruña para recibir esta asistencia.

Tamén queda recortada a elección hospitalaria na propia cidade de A Coruña, eliminando o HM Modelo un dos hospitais máis usado polo persoal mutualista.

Desde a CIG-Ensino volvemos denunciar a chantaxe ao que as entidades prestatarias do servizo someteron ao goberno do Estado, así como a cesión á chantaxe por parte do mesmo.

O Estado pagará 4.500 millóns de euros en tres anos, e tal e como vemos nin iso garante, sequera, manter os servizos previos.

Tal e como xa denunciamos non consideramos que se dean as condicións para afirmar que as persoas mutualistas que optaron até agora polas entidades privadas vaian contar con todas as garantías de cara a un futuro inmediato, no que a chantaxe das aseguradoras vai ir en aumento, convertendo o profesorado en refén dos intereses económicos dos grupos empresariais que prestan o servizo, polo que desde a CIG-Ensino volvemos recomendar ao profesorado galego que opte polo SERGAS como entidade prestataria do servizo.

Volver