A CIG-Ensino denuncia o recorte de profesorado co que a Consellaría de Educación castiga o ensino público
Iníciase o curso en secundaria con moitos centros sen profesorado
Súmase a isto os conflitos derivados da aplicación da LOMCE sen ter desenvolto a tempo a normativa necesaria para aplicala e que vai supor maior segregación do alumnado, confesionalidade, españolización e privatización e menos galego nas aulas. Ademais a CIG-Ensino denuncia as dificultades que se lle están poñendo ao alumnado para poder cursar unha materia alternativa á Relixión en Bacharelato. Na combinación de materias que o alumnado pode elixir como materias específicas ou de libre configuración, dáse a circunstancia de que a única materia dunha hora de duración é Relixión, o que se traduce en que haxa alumnos e alumnas que, se non contan cunha materia alternativa ofertada polo centro, se vexan obrigados a coller relixión para completar o seu itinerario formativo.
Diante desta situación, a CIG-Ensino participará -como membro da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público- na concentración convocada o mércores 16 de setembro ás 11:30 horas diante da Consellaría de Educación, en San Caetano co lema “Máis profesorado, menos alumnado por aula, ensino público e de calidade!