A CIG-Ensino denuncia o recorte de 4 docentes e medio no IES de Pontepedriña de Santiago

O inicio deste curso escolar está pondo ao descuberto con maior virulencia as múltiples carencias e necesidades de profesorado nos centros escolares

O inicio deste curso escolar está pondo ao descuberto con maior virulencia as múltiples carencias e necesidades de profesorado nos centros escolares. O denominador común deste curso, agravado pola redución dos cadros de persoal dos cursos anteriores, é a supresión de profesorado e a negativa a dotar do profesorado mínimo necesario demandado polos centros.

Máis de 200 centros públicos están funcionando neste momento sen o profesorado minimamente necesario pola negativa da Consellaría a atender as solicitudes dos centros.



Exemplo disto é o IES Pontepedriña de Santiago de Compostela que foi un dos centros prexudicados polos brutais recortes da Consellaría, xa que lle reduciron o seu cadro de persoal en catro profesores a tempo total e un a tempo parcial en relación ao que dispoñían o curso pasado, amortizando así todas as vacantes producidas por xubilación. Ademais soamente se lle dota de medio profesor de Pedagoxía Terapéutica, desviando a atención do alumnado con necesidades específicas de apoio educativo ao profesorado doutras especialidades.



Estamos ante unha mostra máis do desinterese da Consellaría pola calidade do ensino e do ensino personalizado e empeñada en minguar profesorado nos centros, masificar as aulas e desentenderse da atención á diversidade.



A CIG-Ensino exíxelle á Consellaría que restabeleza o profesorado necesario no IES de Pontepedriña, dote de profesorado a tempo total, dado que neste momento comparten centro un especialista de Pedagoxía Terapéutica e un de Educación Física, e paralice a súa política educativa destrutora do ensino público.

Volver