
A CIG-Ensino denuncia o papel da Xunta na polémica creada pola titulación de Medicina e chama a frear a privatización do SUG
O sindicato maioritario entre o profesorado do Sistema Universitario Galego apela á unidade das tres universidades para facer fronte á “política de colegas” do PP e os Escotet
Ao fío da polémica ao redor da titulación de Medicina no SUG, coa decisión da UDC de solicitar a titulación de Grao para o curso 2026/27, a CIG-Ensino, primeiro sindicato do país e da representación do persoal docente e investigador no conxunto das tres universidades públicas galegas fai público o seguinte comunicado.
- A máxima responsabilidade na situación actual é do presidente da Xunta e do seu conselleiro de Educación e Universidades. Todo parte da decisión de regalarlle unha licenza universitaria aos Escotet, abrindo a porta á privatización do SUG coa creación dunha universidade, a UIP, que non naceu con vontade de complementar a oferta pública senón de facer negocio nos ámbitos académicos nos que a oferta pública xa existe e se fai insuficiente pola política do PP de negar o incremento desta.
- O momento actual, por tanto, non ten nada a ver co pacto de 2015 entre as tres universidades públicas e a Xunta. Por iso e as solucións teñen que ser outras: a aposta decidida da Xunta por privatizar o SUG e as novas sobre as intencións da universidade vinculada á Abanca require respostas contundentes de apoio ás universidades públicas para o que desde a CIG demandamos unidade e entendemento entre as tres institucións públicas e unha rectificación na política de desgaste da Xunta, apostando definitivamente pola rede pública.
- As necesidades de persoal sanitario son enormes e van ser aínda maiores nas próximas décadas, polo necesario relevo profesional vinculado coa xubilación dunha parte importante do persoal sanitario. Permitir que sexa a oferta privada quen asuma ese incremento de prazas é algo que rexeitamos por completo desde a CIG-Ensino.
A solución pasa, por tanto, por unir forzas de quen defendemos os servizos públicos, tanto desde as propias institucións como desde as forzas políticas e sindicais e do conxunto da sociedade contra a voracidade depredadora de quen só ve nos estudos universitarios un nicho de mercado e contra quen llo permite todo desde o goberno galego.