A CIG-Ensino denuncia o intento de censura do profesorado por parte da Consellaría mentres utiliza diariamente os centros para a súa propaganda con fins políticos
O último episodio tivo lugar no IES Ribeira de Louro no que a inspección chamou á orde o profesorado por enviar información por Abalar sobre a folga xeral, algo que cando foi a folga do transporte se fixo con normalidade desde a dirección dos centros
Apelando á suposta “neutralidade ideolóxica” que pregoa a Consellaría de Educación e a que os centros educativos non se poden utilizar como espazos de reunión para nada que non sexa estritamente académico, o sindicato lémbralle a Román Rodríguez o seu constante uso propagandístico dos mesmos desde os que chega a criticar a LOMLOE ou se apropia de decisións do Ministerio como a recente designación do CIFP Paseo das Pontes como Centro de Referencia Nacional en Téxtil, Confección e Pel.
A “neutralidade ideolóxica” como escusa perfecta para impoñer a “ideoloxía única” do PP á fronte da Consellaría de Educación e censurar o profesorado. Así é como está a empregar este concepto o departamento que dirixe Román Rodríguez que, día si e día tamén, emprega os centros educativos públicos como “plató” para os seus vídeos propagandísticos con marcado carácter político e partidista mentres utiliza a inspección educativa para intentar silenciar o profesorado. Onte mesmo persoal docente do IES Ribeira do Louro do Porriño foi chamado á orde por parte da inspección por ter enviado mensaxes informativas sobre a folga xeral do 11N e en apoio do ensino público. A comunicación a través de Abalar de que haberá profesorado que vai secundar unha convocatoria de folga vén de producirse con normalidade por parte da dirección de centros concertados recentemente sen que saibamos que tivera ningún tipo de consecuencia para as mesmas. Así mesmo, durante as xornadas de folga do transporte escolar e mesmo durante as seis xornadas de folga docente do pasado curso tampouco se censuraron mensaxes que, lembramos, só pretenden informar á comunidade educativa de que pode haber incidencias e de que o alumnado pode quedar desatendido por mor destas convocatorias. Ademais, a canle oficial de Abalar é empregada habitualmente para promocionar actividades de Concellos ou incluso de entidades externas aos centros sempre que se considere que poidan ter algún tipo de interese para a comunidade educativa.
Para a CIG-Ensino é moi grave que se ameace incluso coa apertura de expedientes disciplinarios ao persoal docente por este tema, así como que se incida en que só se poden empregar os centros educativos para fins estritamente académicos, coartando así que sexan espazos de reunión para a comunidade educativa. O sindicato lémbralle ao conselleiro Román Rodríguez que os centros son de todos e todas e que no seu “tour” diario que fai por eles, acompañado por persoal de produción audiovisual, non dubida en empregalos para fins propagandísticos e claramente partidistas. Recentemente estivo no CIFP Paseo das Pontes gabando que acabada de ser nomeado Centro de Referencia Nacional na familia de téxtil, confección e pel sen citar que esa decisión lle compete ao Ministerio de Educación e é frecuente que utilice Xornadas de Formación dirixidas a todo o profesorado ou a equipos directivos en espazos públicos como a Cidade da Cultura ou mesmo institucións como o Consello Escolar de Galiza para criticar políticas do Ministerio ou a LOMLOE, entre outras.
Así pois, a CIG-Ensino chama á Consellaría a deixar de amedrentar o profesorado e a reducir a propaganda obscena que está a facer sobre todo desde o inicio desta lexislatura porque os primeiros en incumprir a neutralidade ideolóxica son o propio conselleiro e os seus cargos políticos.

