A CIG-Ensino denuncia o fracaso do marco estatal de negociación colectiva por non dar resposta ás reivindicacións das traballadoras galegas na etapa 0-3: a solución non está en Madrid senón na Galiza

As educadoras da xestión indirecta do XIII Convenio Estatal de Infantil 0-3 manterán o seu salario base por debaixo do SMI tras o asinado polos sindicatos estatais e negarse a patronal a unha mínima adaptación legal solicitada e regulada.

O pasado venres 17 de abril tivo lugar unha Mesa negociadora do XIII Convenio Estatal de Centros+ de Asistencia e Educación Infantil etapa 0-3, convocada polos asinantes do convenio, cun único punto na orde do día: -Salarios da Educadora Infantil de xestión indirecta (táboa B) tras a subida do SMI 2026.

A reunión remata sen ningunha modificación nin adaptación mínima ao SMI, ao negarse a patronal a renegocialas e que se aplique a disposición 3ª regulada no convenio:

 "Durante a vixencia do presente convenio colectivo, a Comisión Negociadora reunirase para negociar as adaptacións necesarias para adecuar os salarios ao SMI anual que aprobe o Goberno ata a publicación do próximo convenio colectivo, co fin de garantir que ningún posto de traballo terá asociado unha retribución por baixo do SMI correspondente a cada un destes anos".

A CIG-Ensino defendeu en solitario, en coherencia sindical coas demandas do sector na Galiza defendidas cando se negociou o XIII convenio e as súas táboas salariais, a proposta:

"Aplicar as táboas A) a todos e todas as afectadas polo convenio neste ano 2026 e, os seguintes anos, negociar subas na liña de garantir IPC futuro e recuperar o perdido en todos estes anos". A fórmula sería aplicar mínimo o IPC de cada ano e máis unha porcentaxe a maiores, na liña de dignificar os salarios dunha vez e dar resposta ás mobilizacións actuais. Mobilizacións que na Galiza leva realizando a CIG dende que se asinou este XIII Convenio, o calnon deu resposta ás reivindicacións e mobilizacións xa feitas na sua negociación, con 6 folgas e unha posición indigna que deixou tirado ao persoal traballador por parte dos sindicatos estatais asinates, UGT- FSIE e USO.

A CIG-Ensino non comparte as diferenzas salariais (até 4 tipos de táboas salariais) do convenio e con máis razóns na Galiza, pois hai total gratuidade no 0-3 por parte da Xunta, sendo máis incomprensíbel e discriminatorio termos estas distintas táboas a aplicar, de darmos por válido o principio de que a igual traballo, igual salario. A Xunta de Galiza, con Fabiola García ao frente, é sabedora desta situación por activa e pasiva, pero miran cara outro lado, negándose até a recibir  o persoal traballador para escoitar as súas reivindicacións e poñer solución a esta problemática, apostando pola precariedade laboral e ofertar este servizo gratuito a low-cost, por puros fins economicistas.

Por isto, entendemos que estas táboas estatais deberían ser de mínimos, e logo en cada comunidade autónoma -con competencias en educación- adaptarse ás súas situacións, posibilidades e necesidades; con negociacións propias. Isto é o que está a CIG a demandar na Galiza, ademais dun complemento salarial autonómico galego (na liña do conquerido hai pouco no sector de Menores e non ter que esperar a novos pregos para cobrar  táboas tipo A), outras melloras laborais (parella educativa, menos ratios...) no camiño dun futuro Convenio Galego que dignifique o sector, así como a constitución previa da patronal galega no sector, que se de verdade lles preocupa o 0-3, debería organizarse na Galiza. De feito, xa foron chamadas distintas asociacións de empresas (ASEIGAIS, AFESIN, ACADE, AEIOU, e AGADEI) a unha xuntanza, pola parte social, e a maioritaria AGADEI non asistiu nin xustificou ausencia.

No que se refire aos sindicatos estatais asinantes do XIII convenio, o trío UGT-FSIE-USO reivindicou a esmola de renegociar táboas con diferenciais salariais coma os actuais (+16€) e non volver igualar os salarios das educadoras coa categoría inferior ou mesmo acabar cobrando menos. Atados polo asinado no XIII convenio, pediron un mínimo esforzo á patronal, a cal con puño de ferro, unha vez máis dixo “NON” e que había que cumprir o acordado e asinado. Por parte da organización sindical maioritaria, que se notou que non sabe estar no papel de non-asinante, reivindicouse a “homologación salarial coa escola pública...” amosando unha total incoherencia sindical co reivindicado cando se negociaron as táboas salariais no XIII Convenio e polo contexto. 

Unha vez máis, estamos ante un Marco Estatal de Negociación Colectiva estéril que non dá resposta ás reivindicacións do sector no Estado, como exemplo as mobilizacións agora en Madrid que trasladan ao resto de comunidades autónomas, e moito menos ao persoal traballador  na Galiza, onde a CIG leva mobilizándose case dous anos cunha campaña de sinaturas do sector infantil 0-3 “Melloras laborais e salarias no 0-3: convenio galego”, para logo unirse aos sectores de Menores e Discapacidade, coa finalidade de ter máis forza e presenza nas rúas. Mobilizacións ás que se uniron a CUT e SNEP e ás que animamos a facelo a quen queira sumar e teña claro que a loita é o único camiño.

 

Volver