
A CIG-Ensino denuncia o despedimento dunha traballadora da Escola Infantil Merlín en situación de IT e insta á Xunta a intervir xa este centro por graves deficiencias e irregularidades
A empresa, que recibe este curso 190.000 euros da Consellaría de Política Social, debíalles as nóminas de novembro e decembro. O despedimento desta traballadora, afiliada e candidata da CIG nas eleccións, é unha clara represalia por denunciar os impagos.
O sindicato, ademais de presentar a correspondente demanda para que se declare nulo o despedimento, anuncia mobilizacións contundentes, empezando por unha concentración o vindeiro martes día 4, ás 13 horas do mediodía, á que chaman a participar a toda a comunidade educativa e á sociedade de Ames.
Esta mañá o empresario Carlos Porto Santoro, despois de meses desaparecido, presentouse no centro de traballo e comunicoulle á delegada sindical da CIG-Ensino que se ía proceder a despedir a unha traballadora, tamén afiliada ao sindicato e que fora na candidatura das eleccións sindicais, que nestes intres está en situación de baixa médica por unha situación complicada de saúde. Así mesmo, comunicoulle outra redución de xornada unilateral por parte da empresa a outra das traballadoras que tamén está en situación de IT nestes momentos. Tanto as formas como o fondo desta decisión son absolutamente rexeitábeis, ademais de que infrinxen a legalidade e vulneran os dereitos sindicais e laborais. Alén das actuacións xudiciais que desde a CIG-Ensino se emprenderán nos próximos días, en canto lle sexa notificado oficialmente o despedimento á traballadora, que aínda é reversíbel e por iso solicitaron unha reunión urxente co empresario para o vindeiro luns, día 3, o sindicato vénde convocar unha concentración diante da Escola Infantil Merlín o próximo martes, 4 de febreiro, ás 13 horas. Neste sentido, fai un chamamento a toda a comunidade educativa, así como á sociedade de Ames, a participar activamente en repulsa pola actuación do propietario e porque os danos da súa actuación, aínda que as traballadoras fan todo o posíbel para que non lles afecte, tamén están a sufrilos os nenos e nenas usuarios da escola.
O secretario comarcal da CIG-Ensino, Rubén Monteagudo, sinala que detrás deste despedimento están as represalias polo último comunicado emitido polo conxunto das traballadoras que denunciaban os impagamentos das nóminas de novembro e decembro. Este mes, e despois de recibir outro tramo da subvención da Consellaría de Política Social e Igualdade de subvención pola gratuidade desta etapa educativa, a empresa fixo efectivas algunhas das nóminas. “Sorprende a actitude mesquiña e inmoral do empresario que non lle notifica directamente nada á traballadora, que ademais está nunha situación de Incapacidade Temporal por unha situación complexa, e minte na carta de despedimento ao sinalar que o centro ten menos matrícula da que realmente ten a día de hoxe. Seguramente que eses non son os datos que lle trasladou á Xunta de Galiza para recibir a subvención pública. Ademais disto, a empresa notifica á traballadora despedida unhas contas que nada teñen que ver coas que se lle entregou á representación sindical e que curiosamente agora inclúen perdas nunha escola que, ademais de estar subvencionada 100%, obtén beneficios por cada neno ou nena polo catering ou pola utilización de material”, indica Monteagudo, quen engade que “unha vez máis é loable a actitude das traballadoras que seguiron asistindo puntualmente aos seus postos de traballo e actuando con total profesionalidade malia levar preto de dous anos con atrasos e impagamentos e coas relacións totalmente rotas coa dirección da empresa”.
Intervención pública da empresa
Para a CIG-Ensino esta situación xa é a que colmou todas as irregularidades e despropósitos que se levan producindo nesta escola infantil “que debe ser intervida xa pola Xunta de Galiza, á vez que se sanciona a actitude neglixente dos seus propietarios. Non é de recibo que se estea sufragando con cartos públicos unha empresa que leva preto de dous anos incumprindo a normativa laboral, vulnerando dereitos sindicais e outras cuestións de ratios e de mantemento das instalacións que lle afectan directamente á calidade da atención educativa dos nenos e nenas. Neste sentido, a CIG-Ensino relata as deficiencias que lle trasladan as traballadoras e que lle foron unha e outra vez transmitidas á dirección da empresa para que as arranxen de inmediato: falta de limpeza en xeral, portas que rompen continuamente e con dificultades para abrilas, patio con verdín e en mal estado (a valla incluso a medio caer), cables á vista, mobiliario sen fixar ás paredes, xoguetes non aptos para a idade 0-3 (pezas demasiado pequenas), falta de mobiliario de aula (poucas tronas e hamacas, teñen que facer quendas para poñer a comer os nenos e nenas en tronas)... Así pois, apela unha vez máis á inspección educativa, á Inspección de Traballo e á Xunta a que tomen medidas para evitar calquera incidente serio a respecto da integridade física das persoas que empregan a escola que está a sufrir un grave deterioro por falta de mantemento. “Esta empresa agora mesmo susténtase na profesionalidade das súas traballadoras e é unha neglixencia que a administración mire para outro lado”, sentenza Rubén Monteagudo.