A CIG-ENSINO denuncia o despedimento de tres traballadoras e a dinámica de represión no Centro Residencial San Vicente de Paúl

Este mércores, 10 de maio, ás 11:30, concentración diante do Centro en solidariedade coas traballadoras despedidas

A  Dirección do centro alega causas disciplinarias, mais a realidade é que  se trata dun caso  de represión sindical pura e dura.  Para a CIG-ENSINO o que hai é  un caso  claro  e contundente de represión sindical xa que a coidadora despedida é a persoa que encabeza a candidatura da CIG  para as eleccións sindicais  que se van celebrar por  primeira vez  no centro  o día 29 de maio para  elexir o comité de empresa xa que se trata  dunha empresa de máis de 50 traballadores/as.

A CIG-Ensino denuncia que o 28 de abril, despois de varios días de presión psicolóxica, a Dirección do Centro Residencial San Vicente de Paúl en Lugo entregoulle a carta de despedimento a tres traballadoras do Centro: unha coidadora  e dúas enfermeiras.

A  Dirección do centro alega causas disciplinarias, mais a realidade é que  se trata dun caso  de represión sindical pura e dura.  Para a CIG-ENSINO o que hai é  un caso  claro  e contundente de represión sindical xa que a coidadora despedida é a persoa que encabeza a candidatura da CIG  para as eleccións sindicais  que se van celebrar por  primeira vez  no centro  o día 29 de maio para  elexir o comité de empresa xa que se trata  dunha empresa de máis de 50 traballadores/as.

Represión e acoso no Centro Residencial San Vicente de Paúl

Dende o momento  no que se efectuou  o preaviso de eleccións sindicais  no centro, promovidas pola CIG-Ensino, a presión  psicolóxica  e as  prácticas represivas exercidas  sobre os/as traballadores/as fanse máis  patentes  e son o pan de cada día no centro. Como en tempos de triste recordo pretenden dar un  “aviso” despedindo á persoa  que  encabeza a candidatura da CIG e ás outras dúas persoas, enfermeiras,  que avalaran o seu proceder, en base a criterios profesionais  e humanitarios,  ante  as acusacións infundadas de falta grave por parte da dirección do centro.  Aínda así vaise manter como candidata.

E por que sucede isto? Para a CIG-ENSINO está moi claro: preténdese amedrentar ós/ás trabaladores/as  para que non vaian “ter a ousadía” de organizarse para defender os seus dereitos laborais, e menos aínda de  apoiar co seu voto á CIG, organización que saben que os vai defender con rigor e contundencia ata o final.

Non podemos  perder de vista o  feito de que este  centro, rexido por unha congregación relixiosa (Fillas da Caridade), está conveniado  coa Consellería de Política Social, e recibe cartos públicos para o seu funcionamento. Non é de recibo que cos cartos públicos se financien os despidos das traballadoras. Para a CIG-Ensino, a Xunta de Galicia debe actuar responsabelmente e garantir que os fondos que destina ao centro non son dilapidados en despedimentos.

Este mércores, 10 de maio, ás 11:30,  concentración diante do  Centro en solidariedade coas traballadoras despedidas, reclamando a súa continuidade no posto e o cese da represión e o acoso no Centro  Residencial San Vicente de Paúl en Lugo.

Volver