A CIG-Ensino denuncia o caos organizativo da Consellaría coas avaliacións de diagnóstico e reclama a liberación horaria do profesorado responsábel das mesmas
Centros e profesorado afrontan, o vindeiro luns, o inicio das probas sen instrucións claras, sen información suficiente e sen garantías sobre a súa aplicación
A poucos días de comezar as avaliacións de diagnóstico, a situación nos centros é de desconcerto total. A información que está a recibir a CIG-Ensino por parte de equipos directivos e profesorado apunta a unha organización marcada pola improvisación, a falta de previsión e a ausencia de instrucións claras por parte da Consellaría.
Segundo trasladan distintos centros, segue sen haber indicacións precisas sobre cuestións básicas para poder desenvolver con normalidade as probas. Non se coñece con claridade como funciona o aplicativo, nin como se vai organizar a corrección, nin que formato exacto terán as probas. Tampouco se fixo entrega do material con antelación suficiente, o que impide preparar minimamente o proceso e volve cargar sobre os centros a responsabilidade de resolver sobre a marcha o que a Administración non foi quen de organizar.
A maiores, o cambio respecto de anos anteriores está a xerar aínda máis incerteza. Desta vez as probas realízanse en liña, pero hai centros nos que non existen ordenadores suficientes para todo o alumnado. A día de hoxe, moitos equipos docentes seguen sen saber que solución se vai aplicar neses casos nin se existe un verdadeiro plan alternativo para garantir que todo o alumnado poida realizar as probas en condicións de igualdade no caso de que non dominen ou non dispoñan dos medios dixitais que se pretenden empregar. Neste sentido, merece mención especial o alumnado de primaria que pode chegar a ter que enfrontar a proba sen dominio da tecnoloxía que se vai esixir para a súa realización.
Tamén hai unha enorme confusión arredor da corrección. Nos centros pregúntanse quen a vai asumir, con que criterios e en que condicións. A estas alturas, que cuestións tan elementais sigan sen resposta só confirma a falta absoluta de planificación.
A situación complícase aínda máis por detalles organizativos que os centros van coñecendo de maneira fragmentaria. Fálase incluso de horarios distintos por provincia para evitar colapsos do sistema. Lonxe de transmitir confianza, todo isto reforza a sensación de que a Consellaría non ten o proceso ben preparado e pretende que sexan os centros os que asuman as consecuencias dunha organización deficiente.
A CIG-Ensino considera inaceptábel que se pretenda iniciar unhas avaliacións destas características nestas condicións. Non se pode trasladar aos centros unha nova carga burocrática e organizativa sen instrucións claras, sen medios garantidos e sen tempo suficiente para planificar nada.
Ao mesmo tempo, a CIG-Ensino esixe que o profesorado que teña que responsabilizarse das avaliacións de diagnóstico teña liberación horaria e sexa substituído por profesorado procedente das listaxes de substitución. De non ser así , non só este profesorado se verá sobrecargado de traballo, senón que a situación repercutirá no funcionamento dos centros educativos e no horario do resto do profesorado que xa seu padece uns horarios abusivos tal como vimos denunciando desde o sindicato.
Novas relacionadas

