A CIG Ensino denuncia o atraso da Consellaría no pago dos comedores escolares

Varios centros de ensino non poden pagar aos provedores desde hai tres meses

A CIG Ensino denuncia publicamente que a Consellaría de Educación aínda non pagou as cantidades asignadas aos gastos dos comedores escolares a todos os centros de ensino.

A CIG Ensino denuncia publicamente que a Consellaría de Educación aínda non pagou as cantidades asignadas aos gastos dos comedores escolares a todos os centros de ensino. A Consellaría leva sen pagar os meses de abril, maio e xuño. 

Trátase dunha situación inaceptábel e inxustificábel que está provocando que moitos centros se atopen con graves dificultades para poder pagar os seus provedores. Á maioría dos centros debéselles entre 10.000 e 20.000 euros, e nalgúns casos máis de 30.000 euros. 

Nesta situación, os centros vense moi prexudicados na súa contabilidade e na súa imaxe. Algúns centros, buscan a maneira de pagar estas débedas, mais isto pode dar lugar a desfases orzamentarios á hora de pechar as súas contas no fin de curso.

A CIG Ensino considera que é vergonzoso e inaceptábel que se produza esta situación. Os gastos para comedores escolares xa estaban asignadas nos Orzamentos da Xunta de Galicia aprobados para este ano 2011 e, polo tanto, teñen que estar dispoñíbeis en todo momento por parte da Consellaría desde o 1 de xaneiro. Estamos ante unha actuación absolutamente irresponsábel pois moitos provedores non poden agardar a que os centros de ensino lles paguen con tantos meses de atraso, especialmente na actual situación económica. Mentres a Xunta de Galiza fártase de presumir ante os medios de comunicación de que reduciu o tempo de pago aos provedores autoacualificándose como líderes no Estado, o que, como tantas outras veces, comprobamos que non se axusta á realidade, pois neste caso concreto Educación está impedindo que os provedores dos centros escolares cobren as súas facturas, no tempo habitual até o de agora.

A CIG Ensino acusa á Consellaría de estar continuamente deteriorando a imaxe do ensino público e o seu normal funcionamento, neste caso, recortando ano tras ano as cantidades para comedores escolares e atrasando sen xustificación o pago desas cantidades poñendo en apuros os centros de ensino de todo o país. Por iso, desde a CIG-Ensino esixímoslle o pago inmediato aos centros de ensino das cantidades adebedadas por concepto de comedores escolares, para que á súa vez poidan liquidar as débedas cos provedores.

Volver