A CIG-Ensino denuncia o agravamento na deriva autoritaria da Consellaría de Educación
Limitar a unha charla ou obradoiro semanal por grupo no centro ou a tres as saídas por trimestre oponse radicalmente á autonomía pedagóxica dos centros e manifesta a desconfianza da administración educativa na profesionalidade do persoal docente.
O departamento de Román Rodríguez dá un paso máis na limitación da autonomía pedagóxica dos centros educativos coas instrucións para o curso 2026/2027 que non só manteñen o concepto de “neutralidade ideolóxica” rescatado o curso pasado dunha Lei educativa de hai 40 anos, senón que ademais se intervén en como os centros deben de organizar as actividades complementarias.
A normativa, ROCs e ordes que os desenvolven, avalan a autonomía dos centros para organizar actividades complementarias. As instrucións recén publicadas recollen afirmacións como: “A Inspección educativa velará pola adecuación pedagóxica e organizativa destas actividades complementarias.” Ou “Os centros deberán seleccionar aquelas propostas que contribúan de maneira efectiva ao desenvolvemento curricular e competencial do alumnado, evitando a participación indiscriminada nas actividades propostas por entidades externas.” Esta potestade censora que se lle atribuíu ás inspeccións no presente curso e que continuará no curso que vén, pon de manifesto o escaso coñecemento da realidade dos centros e a intención de impoñer un modelo educativo no que se despreza o valor pedagóxico das actividades complementarias.
O profesorado é coñecedor da normativa e programa garantindo que as actividades propostas se adecúen ao currículo e ás competencias e que, ademais, como recolle a LOMLOE, lei educativa actual, “favorezan a liberdade persoal, a responsabilidade, a cidadanía democrática, a solidariedade, a tolerancia, a igualdade, o respecto e a xustiza, así como que axuden a superar calquera tipo de discriminación”.
A CIG-Ensino denunciou hai un ano que se xustificase o concepto da “neutralidade ideolóxica” coa LODE, Lei orgánica 8/1985, que indica no seu artigo 17 que todos os centros públicos desenvolverán as súas actividades con suxeición aos principios constitucionais, garantía de neutralidade ideolóxica e respecto das opcións relixiosas e morais. Para o curso próximo engádense un novo apartado para a programación das actividades extraacadémicas propostas por concellos, deputacións e outras entidades, entre as que se inclúen tamén organizacións sindicais, como o Correlingua que organiza cada ano a CIG-Ensino:
- Deben ter unha xustificación pedagóxica clara.
- Deben estar vinculadas ao currículo e ás programacións didácticas.
- Non procede participar en actividades sen suficiente valor educativo.
- Debe evitarse a participación indiscriminada en ofertas externas.
Ademais incídese en que as actividades deben gardar relación directa cos obxectivos, competencias e contidos das áreas, materias ou ámbitos e que aquelas sobrevidas, é dicir que non estaban planificadas na Programación Xeral Anual, se realizarán de forma moi excepcional e deben estar xustificadas por criterios de motivación e coherencia curricular e coa programación didáctica.
Ante as novidades introducidas nas Instrucións deste curso, o sindicato anima ás direccións dos centros e aos consellos escolares, en quen a normativa legal de rango superior a estas instrucións fai recaer a responsabilidade dos cambios, a que sigan actuando exactamente como o viñeron facendo até hoxe, coa mesma profesionalidade e rigor á hora de aprobar os cambios necesarios na PXA, mantendo viva e dinámica a organización das diferentes actividades dun centro educativo. Ao tempo, chama ao profesorado a que cando considere que se está producindo calquera inxerencia por parte da administración educativa que atente coa autonomía dos centros e coa súa liberdade de cátedra se rebele contra esa censura, defendendo a dignidade profesional que se quere poñer en cuestión. A CIG-Ensino non consentirá ningunha intervención política por parte da Consellaría e apoiará aos centros e ao profesorado diante de calquera intento de laminar a función docente.

