
A CIG-Ensino denuncia o abuso e o malgasto en propaganda da consellaría de educación
Os recortes nos orzamentos non afectan á propaganda
Ante a similitude dos datos e unha vez que a Consellaría, despois das criticas recibidas desde a CIG-Ensino e outras organizacións, fixera publico que non se ía realizar esa campaña dun millón de euros para promocionar un Decreto amplamente contestado e que conta cos peores informes obtidos nunca, preguntámonos se ten que ou quere manter o gasto previsto con esta empresa, sacando da manga esta campaña informativa dos novos valores dos sistema educativo.
En todo caso, comprobamos, unha vez máis, que a esta Consellaría só lle preocupa a propaganda e alardear dunha falsa normalidade, cando a realidade é que non se atenden as demandas do profesorado e dos centros. A súa política consiste en gastar millóns de euros en propaganda e esquecer a redución de rateos nas aulas, nomeadamente en Infantil (onde estaba recollido no seu programa electoral que se reducirían a 15 alumnos), a dotación de administrativos/as e doutro persoal non docente nos centros, etc. Ou desmantelar os comedores escolares e privatizar a súa xestión, reducir o salario das traballadoras e traballadores da Consellaría, mentres o diñeiro se destina, unha e outra vez, á propaganda.
A CIG-Ensino esixe que se gaste menos en propaganda e máis no ensino publico, e que os cartos destinados á promoción se destinen á cobertura das baixas nos centros, ao incremento de profesorado nos centros e á negociación das retribucións do profesorado. Estas esixencias forman parte da defensa do profesorado e do ensino publico e, por iso mesmo, ímolas seguir realizando sempre que sexa necesario, aínda que o Conselleiro pretenda desacreditar o noso labor cualificándoo de político.
A CIG-Ensino aconséllalle ao Conselleiro que sexa menos publicista e que atenda o labor para o que foi nomeado: gobernar e xestionar a Consellaría de Educación. Menos propaganda e mais educación.