A CIG-Ensino denuncia o abandono e o deterioro estrutural dos centros educativos da provincia da Coruña ante a pasividade da Consellaría
O sindicato advirte de que a seguridade e a calidade educativa están en risco por deficiencias que van dende goteiras e humidades ata falta de accesibilidade e espazos dignos.
A comunidade educativa mantén mobilizacións constantes dende o inicio de curso esixindo un plan de investimentos urxente que a Xunta segue a ignorar.
A CIG-Ensino quere facer pública, unha vez máis, a situación límite que atravesan numerosos centros de ensino público na provincia da Coruña. O que o conselleiro de Educación vende como "normalidade" é, na realidade, un escenario de deterioro estrutural e abandono que afecta directamente ao día a día de milleiros de alumnos, alumnas e docentes. Esta situación foi posta en coñecemento, mais unha vez, da Consellaría de Educación a través da Xunta de persoal docente. Logo de trasladar a relación de centros, máis de 20, da provincia da Coruña que están desesperados coa falta de atención ás súas demandas aínda estamos agardando a resposta da Consellaría.
Carencias que non poden esperar
A realidade que constatamos nas nosas visitas aos centros dista moito da propaganda da Xunta. Moitos centros presentan deficiencias graves: pingueiras crónicas, sistemas de calefacción obsoletos, falta de illamento térmico e problemas de accesibilidade que impiden unha educación inclusiva. E moitos deles levan, como CEIP Virxe do Portal (de Sobrado dos Monxes), o CEIP Sal Lence, o CEIP de Prácticas (ambos da Coruña), o IES Ferrolvello, etc… anos agardando a ver resoltos problemas que impiden o normal desenvolvemento da actividade lectiva. Noutros casos, como o CEIP Rosalía de Castro da Coruña, as deficiencias afectan á accesibilidade daquel alumnado con problemas de mobilidade e noutros como o IES Agra de Raíce de Ceeo ou o IES Eduardo Pondal de Ponteceso etc teñen tales carencias e deficiencias que mesmo lles impiden o normal uso das instalacións. E así poderiamos continuar cunha extensísima lista que ten en común que falamos de centros de ensino con carencias que se veñen arrastrando de hai anos e que este inverno se agravaron polas inclemencias do tempo que provocaron situacións insostíbeis (por exemplo, na Coruña o CEIP Wenceslao Fernández Flórez, CIFP Ánxel Casal, o IES Agra de Orzán, o IES Fernando Blanco de Cee, o CEIP Labarta Pose de Baio, CPI de Zas, CEIP Santa Eulalia de Dumbría, CEIP de Teixeiro, IES Carvalho Calero, CIFP Rodolfo Ucha e IES Concepción Arenal de Ferrol, EASD Mestre Mateo de Santiago, IES Porto do Son… ).
Mobilizacións ante o silencio da administración
Dende o comezo deste curso, as comunidades educativas (ANPAs, profesorado e alumnado) levan protagonizando concentracións e mobilizacións constantes. Porén, a resposta da Consellaría de Educación segue a ser a pasividade ou o parcheo puntual, sen afrontar a necesidade dun plan integral de reformas estruturais. Para a CIG-Ensino, esta política de recortes encubertos pon en dúbida o cumprimento da Lei de Prevención de Riscos Laborais nos espazos de traballo e aprendizaxe.
Esixencias urxentes
A CIG-Ensino esixe á Xunta de Galicia:
- Investimento inmediato para solucionar as deficiencias estruturais máis urxentes que afectan á seguridade e saúde.
- Transparencia no calendario de obras pendentes. Os centros ven con indefensión, ademais, a inexistencia de criterios por parte da Administración educativa á hora de adxudicar a prioridade nas actuación de reparación e mellora. É necesario un incremento de orzamento para o mantemento de edificios que superan en moitos casos os 40 anos de antigüidade.
- Cese da propaganda e atención real ás demandas que as directivas e ANPAs trasladan curso tras curso sen obter resposta.
Non imos permitir que se siga degradando o ensino público para favorecer outros intereses. A loita pola dignidade dos nosos centros non vai parar mentres a Consellaría non asuma a súa responsabilidade de garantir unhas condicións dignas para o ensino galego.
E por isto, aínda que non só, chamamos á participación de toda a comunidade educativa na mobilización que a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público convoca para este sábado 28 de febreiro en Santiago de Compostela.

