A CIG-Ensino denuncia na Fiscalía o conselleiro de Educación por “prevaricación” e “malversación de caudais públicos"

Reclama o cumprimento da sentenza do Tribunal Supremo (TS) e que se devolvan os 12 millóns de euros entregados pola consellaría a centros que segregan por razón de xénero

A CIG-Ensino presentou esta mañá perante a Fiscalía unha denuncia contra o conselleiro de Educación por presunta malversación de caudais públicos e prevaricaricación. Anxo Louzao, secretario nacional, denunciou que malia haber sentenza firme declarando ilegais os concertos cos centros que segregan o alumnado por razón de xénero, esta non foi aínda efectivizada. Denunciou que son 12 millóns de euros os que teñen que ser restituídos e que iso permitiría dotar o ensino público con 220 profesores/as máis.

Louzao lembrou que o Tribunal Supremo emitiu unha sentenza firme estimando o recurso presentado pola CIG-Ensino polos concertos asinados entre os anos 2009-2013, na que se afirmaba que “non se pode comprometer, por vía de concertos, diñeiro público máis alá dos supostos estabelecidos na lei” e que había que restituír ese diñeiro para ás arcas públicas. 


Sinalou que a CIG-Ensino, unha vez coñecida a sentenza remitiu un escrito á consellaría de Facenda para que eses 12 millóns de euros que levaron estes centros ligados ao Opus Dei revertera nas arcas públicas e que esta, o que fixo, foi trasladarllo á Consellaría de Educación. “Van alá máis de tres meses, Educación deu a calada por resposta e por iso, agora acudimos á Fiscalía, para que leve a cabo as investigacións correspondentes e esclareza as eventuais responsabilidades”.


Para a CIG-Ensino este sería un caso claro de malversación de caudais públicos, delito que o Código Penal “penaliza coa inhabilitación absoluta e con cadea, e prevaricación”, subliñou, asegurando que non se pode aceptar que un conselleiro de Educación “estea ao servizo exclusivamente destes centros retrógrados, que teñen un ideario de centro que é un obstáculo contra a igualdade de xénero, para loitar contra a violencia de xénero e para o ensino coeducativo”.


A CIG-Ensino ten tamén recorridos os concertos do ano 2013 ao 2017, porque se asinan cada catro anos. A este respecto o secretario nacional explicou que tanto no que se refire aos concertos para o período 2009-2013 como neste, a súa sinatura foi previa á aprobación da LOMCE, unha lei que, denunciou, “ten como obxectivo darlles cobertura legal a eses concertos que os tribunais declararon ilegais”. A mesma denuncia tamén se trasladou ao xulgado de garda de Compostela.

Volver