
A CIG-Ensino denuncia as carencias dos centros no inicio do novo curso escolar na comarca da Coruña
O curso 2025-2026 comeza con falta de persoal e demandas dos centros educativos
O comezo do curso 2026-2026 está a ser moi complicado en moitos centros públicos da provincia da Coruña como xa denunciou a CIG-Ensino desde mesmo antes do comezo da actividade lectiva. Os recortes do profesorado, que prexudican principalmente á atención á diversidade, evidencian un abandono do ensino público por parte da Consellaría que, lonxe de solucionarse coa sinatura de acordos de mínimos que nin se están a cumprir, está a ser cada vez maior.
Os problemas denúncianos as familias e os propios centros que se atopan abandonados en moitos casos por unha Consellaría de Educación á que só lle preocupan proporcionar titulares que non se corresponden coa realidade. E é unicamente a mobilización a que permitiu que se fosen solventando casos en que claramente estaban moi perxudicado o alumnado, como aconteu no CEIP Valle Inclán de Oleiros, onde, logo das denuncias conseguiron volver ter 3 unidades e revertir unhas ratios desproporcionadas de 27 e 28 alumnos e alumnas por aula, o como o caso, que tamén foi publicamente denunciado, do CEIP Alfredo Brañas de Caión, onde mesmo chegaron a organizar unha andaina que finalmente suspenderon porque conseguiron que a Consellaría lles prometese unha coidadora e unha ampliación do comedor.
É xeralizada a carencia na dotación de profesorado especializado na atención ao alumnado con necesidades especiais, sendo case unánime nos centros da Costa da Morte, onde ou ben tiveron recortes de especialistas en Audición e Linguaxe e Pedagoxía Terapéutica ou ben teñen que compartilos con centros próximos, o cal non acontecía en cursos pasados,. Son os casos como o IES Agra de Raíces de Cee, onde tamén están organizando manifestacións e concentracións, igualmente que o CEIP Vicente Otero Valcárcel, de Carral, o CEIP dos Muíños de Muxía, o CEIP de Bormoio-Agualda, o CEIP Francisco Vales Villamarín de Betanzos, o CEIP Sada e contornos, CEIP Milladoiro de Malpica, CEIP As Forcadas de Corme, CEIP Joaquín Rodríguez Otero de Buño, IES Mosteirón de Sada, CEIP Juana de Vega de Oleiros, etc…
En moitos casos a Consellaría obriga a agrupar aulas ou non se autoriza desdobres que resultarían fundamentais para a boa atención do alumnado e que só teñen como finalidade favorecer o aforro en contratación de profesorado por parte da Consellaría. Acontece así, por exemplo, no CEIP María Barbeito ou no CEIP Alborada, ambos da Coruña.
E a todo isto sumamos que hai centros que teñen que comezar o curso cunhas obras aínda lonxe de estar rematadas e con perspectiva de non facelo en breve, como os IES Rafael Dieste, o IES Salvador de Madariaga(ambos da Coruña), o IES Manuel Murguía de Arteixo… , ou que aínda téndoas rematadas son fallidas e provocan problemas graves, como o IES Menéndez Pidal-Zalaeta, onde está convivindo cunha inundación.
É na cidade onde tamén nos atopamos cos casos de ratios máis disparadas de toda a comarca así como cos casos de carencia de profesorado, o cal tamén acontece en concellos limítrofes como Culleredo, Arteixo, Oleiros, Carral… Isto incide tamén na imposibilidade de programar a coordinación do profesorado dos centros, así como no abandono de bibliotecas e proxectos que se estaban a levar a cabo e para os que agora non hai profesorado que os atendan.
Por todas estas razón desde a CIG-Ensino chamamos á toda a comunidade educativa a participar na manifestación que convocamos en Santiago este sábado 13 de setembro e a secundar a folga de profesorado o próximo 25 de setembro.