A CIG-Ensino denuncia a vulneración dos principios de igualdade, mérito e capacidade e de liberdade ideolóxica no sistema de acceso a unha praza no colexio Salvador Moreno de Pontevedra
A CIG-Ensino dirixiuse á Subdelegación de Defensa de Pontevedra e ao conselleiro de Educación para evitar un monopolio encuberto no acceso á función pública para un determinado colectivo
Ante isto, a CIG-Ensino negouse a formar parte deste proceso de selección polos seguintes motivos:
- O principio de igualdade de trato, de oportunidades e de non discriminación no acceso ao emprego público está sustentado en toda a lexislación.
- Entre os dereitos e liberdades fundamentais do traballador e traballadora, e tamén do candidato e candidata a un emprego, está o dereito a liberdade ideolóxica, relixiosa e de culto, prevista en diferente normativa e na propia Constitución Española.
- Esta liberdade ideolóxica ten unha dobre dimensión: por un lado, afecta ao foro interno, traducíndose no dereito de todas as persoas a adoptar unha posición intelectual determinada fronte á vida e, por outro, afecta á esfera externa, permitindo expresar as ideas propias, sen sufrir ningún tipo de sanción, demérito, compulsión ou inxerencia por este motivo, tal e como o estabeleceu a sentenza do Tribunal Constitucional 120/1990.
- Por outra parte, a directiva 2000/78/CE determina un marco xeral para a loita contra diferentes tipos de discriminación, entre outras, por motivos de relixión ou conviccións, sendo de aplicación ás condicións de acceso ao emprego, tanto no sector público coma no privado (art. 3.1.a).
- Para a CIG-Ensino, este proceso selectivo -convocado pola Administración pública e, por tanto, suxeito á normativa de acceso á función pública- non só vulnera a liberdade ideolóxica, senón tamén os principios de igualdade, mérito e capacidade, por non se ter feito pública a súa convocatoria e por estabelecer o requisito de estar en posesión do DECA, que supón un monopolio encuberto no acceso á función pública para un determinado colectivo, xa que este certificado só é estendido pola autoridade eclesiástica.
A CIG-Ensino solicitoulle á Subdelegación de Defensa de Pontevedra a anulación do proceso selectivo desta praza no colexio Salvador Moreno, a revogación das bases polas que se lles pide aos candidatos e candidatas o requisito de estar en posesión da Declaración Eclesiástica de Competencia Académica de educación primaria e a publicación, en todo caso, da convocatoria e das bases do proceso selectivo.
Por ser este un tema sumamente grave, a CIG-Ensino tamén se dirixiu ao conselleiro de Educación, en canto máxima autoridade educativa en Galiza, para que interviñese e impedise a continuación deste procedemento ilegal e contrario aos dereitos fundamentais e para que inicie os trámites necesarios a fin de que este centro sexa transferido á Consellaría de Educación.