A CIG-Ensino denuncia a pretensión da Xunta de Galiza de privatizar 17 novas escolas infantís, “Galiña azul”, que se prevén abrir

A Xunta de Galiza en lugar de optar por servizos públicos de calidade opta por engrosar os dividendos das grandes empresas

A CIG-Ensino baixo ningún concepto vai aceptar que a Administración galega opte por entregar a empresas que moitas veces nada teñen que ver co ámbito educativo a xestión e o modelo educativo de 0 a 3 anos.

A CIG-Ensino quere denunciar a pretensión do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar de privatizar as 17 escolas “ Galiña azul” que se abrirán proximamente.

O Consorcio ten adoptada esta decisión e xa se está a traballar na definición dos pregos de condicións para que a próxima apertura das novas escolas sexan de xestión privada, seguindo as directrices das políticas neoliberais das que o PP é un dos máximos expoñentes.

É perverso que, nunha época como a actual de crise económica, a Xunta de Galiza, en lugar de optar por servizos públicos de calidade e crear emprego estábel, opte por engrosar os dividendos de grandes empresas, en detrimento dun servizo público tan necesario e do que Galiza ten grandes carencias como é a educación infantil de 0 a tres anos.

A CIG-Ensino baixo ningún concepto vai aceptar que a Administración galega opte por entregar a empresas que moitas veces nada teñen que ver co ámbito educativo a xestión e o modelo educativo de 0 a 3 anos. Estas teñen como único obxectivo o lucro, a conta das traballadoras e os traballadores, e a prestación dun servizo de baixa calidade.

Volver